A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María do Mar Pereira prometeu que o Goberno tamén vai empregar software libre.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María do Mar Pereira, argumentou esta quinta feira que o contrato asinado coa multinacional Microsoft constituíu a "solución inmediata" a unha conxuntura "herdada" do anterior Goberno, que iniciara esta contratación, e explicou que foi a "forma de regularizar" esa situación.
En resposta na Comisión 1ª á nacionalista Ana Luísa Bouza, Pereira explicou que o bipartito iniciara este contrato de subministración e dende o xuño de 2008 non se contratou o uso de licenzas. Así, tratouse dunha "regularización da situación contractual", indicou.
Con todo, comprometeuse a que a Xunta potencie o software libre con "estándares abertos entre todas as Administracións públicas", e sinalou que se vai fomentar dende o Goberno o uso e repartición desta tecnoloxía, "en especial a realizada con fondos públicos".