Un modelo que, en opinión do voceiro nacional do Bloque, segue deixando o país "no vagón de cola" a nivel estatal.
Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG
"Un grande idilio para unha gran mentira". Tal foi a definición realizada esta quinta feira polo voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, da xuntanza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, co ministro de Fomento, Xosé Blanco. "Chama moitísimo a atención que o Partido Popular estando na oposición levantara bandeiríns ultracríticos da construción de infraestruturas ferroviarias e agora o señor Feijoo avale o proxecto do Estado para retrasar a construción deste ferrocarril e ademais faino entusiasticamente", censurou o líder do BNG.
"Mais unha vez témolo repetido: que PP e PSOE están dacordo co mesmo modelo de infraestruturas para o Estado e para Galiza e aceitan que Galiza siga a ser o vagón de cola neste tema", laiouse na súa intervención diante dos medios. O voceiro nacional do Bloque insistiu en que "é evidente" que en 2012 non será posíbel de xeito ningún a finalización anunciada das obras da alta velocidade ferroviaria e que da mesma forma "non parece que nun horizonte de tres anos máis sexa críbel". Máis polo miúdo, criticou as "imprecisións" do anuncio realizado por Feijoo e Blanco, "dunha especie de tren mixto en fase de prototipo" e lembrou que desaparece a proposta de electrificación dun tramo de vía.
Queixa pola posición sobre financiamento
Doutra banda, Guillerme Vázquez cualificou de "actor secundario" a Alberto Núñez Feijoo no actual debate sobre a reforma do financiamento autonómico. Opina Vázquez que o presidente da Xunta amosou "incapacidade" para ofrecer unha posición concreta de que modelo quere Galiza no marco do debate que hai no Estado.
"Outras comunidades autónomas xa o fixeron e mentres, o presidente da Xunta só amosa o seu interese polo grande problema que é Cataluña e non di que modelo queremos para o noso país, que parte do montante é o que necesitaría Galiza, como podemos ter suficiencia financeira no país", denuncia o voceiro nacionalista. "Despois deste idilio nas infraestruturas o único que se pode agardar é que se chegue a un pacto na financiación e que Galiza colla o que o Estado lle outorgue graciosamente", agoirou.