O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, apela á crise económica, e afirma no Parlamento que "hai que ir paso a paso".
A Xunta do PPdeG non renuncia a ter unha policía propia, á que chamarían Autonómica, mais a súa formación queda aprazada por un tempo: segundo palabras do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, "hai que ir pouco a pouco".
O anuncio, realizado esta cuarta feira no Parlamento por Rueda, supón darlle prioridade ao despregamento do corpo da policía española adscrita a Galiza sobre a fórmula transitoria que se puxo en marcha durante os gobernos de Fraga, e que o de Feijóo prevé prorrogar.
Segundo contou Rueda, a idea é negociar co Ministerio do Interior para ampliar os 370 axentes actuais do corpo adscrito até chegar a 500, tal e como prevía o convenio asinado coa Xunta. Para Rueda, estes 130 novos axentes deberían traballar "a pleno rendemento" para Galiza o ano próximo, coa ollada posta na celebración do Xacobeo 2010. Porén, a Xunta non renuncia a ter policía propia, "pero hai que ser realista", aseverou Rueda, quen apelou á crise para xustificar a decisión de non priorizar o novo corpo policial.
Alén disto, o conselleiro tamén anunciou que a sede onde se forman os axentes da policía autonómica, a Academia Galega de Seguridade, na Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), converterase tamén nun centro de "urxencias e seguridade", albergando tamén a Axencia Galega de Emerxencias, que Presidencia prevé reformar.