Volveron saír ás rúas demandando unha repetición dos comicios. Porén, esta posibilidade foi desbotada polo Consello de Gardiáns da Revolución.
Os seguidores de Mir Hossein Mousavi convocaron unha folga xeral para esta terza feira, máis dunha semana despois de que comezasen as mobilizacións denunciando a fraude electoral que lle deu a vitoria nas eleccións presidenciais do Irán a Mahmoud Ahmadinejad. Na segunda feira, un milleiros e manifestantes concentráronse na capital do país, Teherán, pese á prohibición por parte do goberno.
Algunhas fontes indican que houbo duros enfrontamentos coa policía, pero, como que os medios internacionais non poden seguir as manifestacións, non resulta doado contrastar a información que chega dende Oriente Medio.Segundo algúns medios, nesta nova manifestación as rúas de Teherán volveron ser escenario de enfrontamentos entre os manifestantes e a policía, despois de que a Garda Revolucionaria advertise que non podía intervir para parar as protestas. No mesmo día, o Consello de Gardiáns da Revolución viña de admitir que os votos emitidos en medio cento de cidades de todo o país (uns tres millóns), superaban o número de persoas censadas con dereito a sufraxio.
Porén, na madrugada da segunda para a terza feira (hora galega), e a pesar de ter recoñecido a existencia de fraude, o Consello -a única autoridade con potestade para sancionar os comicios no Irán-, botou por baixo a posibilidade de anular as eleccións presidenciais do pasado 13 de xuño, alegando que as irregularidades detectadas "non son graves", segundo informou a televisión estatal Press TV.
Para ampliar información: