Dous vigueses e un coruñés están entre os perto de 300 grupos que levarán até a capital catalá milleiros de afeccionados á musica, chegados de toda Europa.
O Sónar volverá encher Barcelona de fanáticos da troula
Este xoves comezou en Barcelona a 16ª edición do Sónar, Festival Internacional de Música Avanzada e Arte Multimedia. Durante tres días case trescentos músicos chegados dende diferentes puntos de Europa e tamén do resto do mundo darán colorido á cidade e desfrutarán dun dos máis importantes festivais deste tipo de música. A representación galega está composta por dous vigueses e un coruñés, que ilustrarán para os asistentes o xeito como a música experimental avanzada se mistura coas feituras de Galiza.
Dende Vigo chegan Mweslee e Carlos Suárez. O primeiro deles actuou xa na mañá do xoves, ofrecendo a súa inqueda mirada da música urbana. Carlos Suárez, pola súa parte, actuará o sábado á unha do mediodía, para achegar ao SonarComplex a súa música electroacústica baseada na mistura de ritmos galegos e caribeños, chegados principalmente de Venezuela. Unha hora antes comezará o concerto de Fat Fish, do coruñés Ricardo Ramos, que avoga polo estilo dubstep como punto de partida para unha viaxe en que o espectador nunha sabe o que se vai atopar.
Agárdase unha afluencia de público semellante á do ano pasado, en que máis de 80.000 persoas acudiron ao festival. Nesta ocasión algúns dos principais reclamos do cartel son Orbital, Grace Jones, Animal Collective, La Roux, Micachu and The Shapes, Crystal Castles, ou Fever Rayn.