A obra, sobre a mercantilización de tópicos como a solidariedade e a caridade, será posta en escena na zona adscrita á Deputación da Coruña.
O actor moañés Santiago Cortegoso foi o gañador da XIV edición do premio de teatro Rafael Dieste, instituído pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros. Ademais, a obra 0,7% Molotov, de Cortegoso Calvar, será posta en escena por varios concellos da rexión coruñesa.
O presidente da deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, deu a coñecer este mércores a decisión do xurado, formado por Manuel Areoso, Elina Luaces, Alexandre Piñeiro, Xosé Henrique Rivadulla e Teresa Moure, que estiveron presentes no acto, xunto co comisario do certame, Antonio Simón.
Nesta edición do premio concorreron 36 obras orixinais, o que supuxo un "notábel incremento da participación", segundo Fernández Moreda. Tamén felicitou o xurado pola "selección das obras gañadoras deste certame en edicións anteriores, xa que todas elas obtiveron despois boas críticas e o respaldo do público coruñés e galego".
Mostra disto foi a gañadora da edición de 2007, Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, que se converteu na "gran triunfadora dos premios María Casares deste ano". O voceiro do xurado, Manuel Areoso, felicitou o gañador, que cualificou como "un home de teatro dende hai moito tempo" e definiu o texto como unha "interesante reflexión, cunha estrutura moi contemporánea, que é tamén unha crítica de valores que ultimamente se empregan como produto comercial, como a solidariedade ou a caridade".
A obra desenvólvese arredor de dúas personaxes "construídas sobre tópicos como a biodiversidade ou o emprego de enerxías renovábeis, pero cada tópico que engaden á súa personalidade é un paso máis cara á despersonalización".