Debería facilitar a localización e identificación dos desaparecidos durante a Guerra Civil e o franquismo. Algunhas asociacións venlle carencias.
O Parlamento de Cataluña aproba esta cuarta feira a Lei de Foxas, unha norma que estabelece o marco xurídico e os mecanismos precisos para localizar e identificar as persoas desaparecidas durante a Guerra Civil -de 1936 a 1939-, e durante a ditadura franquista. Ao tempo, permite facer un censo de represaliados, con mapas de localización e varias medidas para sinalar e dignificar os espazos onde se atopan os restos destas persoas.
A lei tamén prevé a creación dun comité técnico con funcións consultivas e de asesoramento, que fará informes sobre as peticións de recuperar e de identificar os restos. O proxecto obriga, ademais, a comunicar posíbeis achados de restos que sexan localizadas por azar, e regula o acceso a espazos e terreos afectados pola localización e a identificación. Os desaparecidos poderán ser reclamados pola Generalitat, os concellos, os seus familiares e outras entidades. Dos custes da súa busca farase cargo o goberno catalán.
Algunhas asociacións venlle eivas á nova Lei
Porén, a pesar dos moitos puntos que recolle esta norma, dende a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Cataluña, e a Comisión da Dignidade (Comissió de la Dignitat) atópanlle carencias. Os primeiros, sabedores de que se trata dunha lei pioneira, láianse de que non se teña feito dende o Estado; os segundos atópana demasiado "historicista", e piden que se introduzan algúns cambios, como considerar as foxas non só dende unha perspectiva arqueolóxica, senón tamén xudicial. Nesta liña, dende a Comisión da Dignidade, aínda que sabedores da "positividade da norma", tamén demandan unha investigación detallada en cada caso, para que se poidan aclarar todos os feitos que arrodearon a morte de cada un dos represaliados.