Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Nova xeración de internet

O Executivo europeo pretende levar conexións de alta velocidade ás áreas rurais

Abre a consulta pública un anteproxecto de regulación común de novas redes de fibra óptica. As operadoras considérano intervencionista.

Redacción - 11:45 16/06/2009

A Comisión Europea está decidida a potenciar as redes de nova xeración de acceso a internet. Para iso, abriu unha consulta pública sobre o seu proxecto de regulación. As novas redes permiten unha velocidade de descarga de máis de 80 megabits por segundo. O Executivo comunitario elabora unha recomendación que espera presentar oficialmente a finais de ano.

Até o 24 de xullo, as partes interesadas poden enviar os seus comentarios e suxestións. A recomendación preténdelles proporcionar "certeza legal" ás autoridades de regulación das telecomunicacións mediante unha "guía" para que poidan tomar as súas decisións, informou a comisaria europea da Sociedade da Información, Viviane Reding.

Alta velocidade a zonas illadas
Unha consulta pública preliminar que se levou a cabo a finais de 2008, demostrou un "apoio xeral" para acadar unha lexislación común que impulse un "investimento oportuno" ao tempo que manteña a competitividade no mercado. A intención do Executivo da UE é darlles pulo a estas novas conexións, principalmente nas áreas menos poboadas, sen que os operadores tradicionais (Telefónica, France Telecom, Deutsche Telekom...) poidan volver constituír monopolios.

Un marco regulador común favorecerá a igualdade de trato das operadoras en toda a UE, e asegurará que os investidores teñan un contorno regulamentario estábel, segundo a Comisión. O borrador de proposta conta con mecanismos para repartir os riscos de investimento entre as empresas que poñan diñeiro para despregar as redes, e as compañías que buscan o acceso ás mesmas.

Pero non todos están de acordo. A Organización Europea de Operadores de Telecomunicacións (ETNO) dixo que o borrador "conducirá a regulacións desproporcionadas" e "desanimará os investidores". Tamén consideran que non se respecta o principio de neutralidade tecnolóxica e que se "infravalora o desenvolvemento competitivo do mercado actual".

Nova xeración
As redes de fibra óptica de nova xeración permiten taxas de transmisión varias veces superiores ás das clásicas liñas de cobre (ADSL), e son necesarias para transmitir, por exemplo, contidos audiovisuais de alta definición. Segundo datos da CE, na Unión hai 229 millóns de liñas de cobre fronte a pouco máis dun millón de fibra óptica, aínda que os analistas prevén un crecemento do investimento de 20 millóns de euros en redes de próxima xeración de aquí a 2011.


1,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: