Aínda estades a tempo de participar no concurso de fotografía e vídeo organizado por Vieiros, que mantén o prazo de recollida de traballos aberto até o día 30 de xuño.
A imaxe titulada a "A espiral da fala", de Xosé Luís Santiso García, foi unha das últimas en chegar á redacción de Vieiros para participar na cuarta edición do certame 'Unha imaxe para o galego', que este ano levará como título específico "O galego no espello". A imaxe amósanos como o sol tingue de mel a cuncha dun caracol pousado enriba dunha cancela de madeira seca, cunhas árbores anónimas observando en silencio o seu lento movemento dende a distancia.
O autor usa a espiral que debuxa a cuncha do caracol, para explicar como as liñas parten dun punto inicial e van xirando até afastarse deste. O autor da imaxe usa a frase "A espiral da fala comeza en ti" para darlle a volta a ese movemento natural e plantexar un movemento no que esa liña que é a evolución do noso idioma parte dun punto afastado do idóneo para irse achegando, neste caso de lingua en lingua.
O prazo continúa aberto
O certame 'Unha imaxe para o galego' celebra este ano a súa cuarta edición e o prazo para a entrega de traballos está aberto até o vindeiro 30 de xuño. Afiade ben as cámaras e comezade a chuzar o voso entorno para despois zugarlle o arrecendo co que queirades colorear imaxes que animen a usar o galego ou que, simplemente, expliquen o que a lingua significa para vós.
Quedan máis de dúas semanas antes de que se peche o prazo para a entrega de fotografías e vídeos, polo que aínda estades a tempo de optar á cámara fotográfica e a videocámara que levarán respectivamente os gañadores. Lembrade que as imaxes deben ser necesariamente imaxes, non deseños, e os vídeos non poderán durar máis de catro minutos. Consultade aquí as bases completas e animádevos a retratar.