Fabricado por Samsung, permite cargar a batería mediante un panel fotovoltaico, que nunha hora dá enerxía para dez minutos de chamadas.
A finais deste mes sairá á venda en Europa o primeiro móbil solar. O teléfono, fabricado pola compañía coreana Samsung, chámase Crest Solar e está dotado de paneis fotovoltaicos que permiten cargar a súa batería.
Isto non significa que use exclusivamente a enerxía solar para abastecerse, pero é un primeiro paso a prol das fontes renovábeis tamén nos trebellos electrónicos. Segundo a compañía, unha hora de sol produce a enerxía necesaria para manter unha conversa duns dez minutos. Tamén se presenta como un xeito de aforrar enerxía e diñeiro.
Aínda non se coñecen todos os datos técnicos sobre o teléfono, si se sabe que estará dotado dun sistema de seguridade que fará que, se se lle cambia a tarxeta SIM, o número orixinal recibirá unha mensaxe de aviso. Tamén poderá recibir chamadas falsas (no caso de que queiramos librarnos de situacións incómodas) ou avisar das horas dos rezos, por exemplo nos países islámicos. Tamén terá radio FM, MP3, xogos e función lanterna. Descoñécese tamén cal será o prezo.
Outro prototipo de modelo da mesma compañía, o Blue Earth, fora presentado o pasado mes de febreiro. Neste caso, ademais de panel solar, estará dotado de pantalla táctil e fabricado con materiais reciclados.