En plena campaña da renda, un colectivo lémbralles aos contribuíntes que poden deixar de pagar, cos seus impostos, as accións do exército.
A Obxección Fiscal (OF) é un acto de Desobediencia Civil que consiste en non pagarlle ao Estado, á hora de facer a Declaración da Renda, o diñeiro que este dedica "á guerra e á súa preparación".
Non supón unha evasión de impostos, senón un xeito de desviar cara proxectos sociais a cantidade que, doutro xeito, sería destinada a fins militares. Este ano o Espazo Aberto Antimilitar comezou unha súa campaña para convidar os contribuíntes a desenvolver a obxección fiscal, e, no caso de non recorrer a este sistema, demandarlle ao goberno español que recoñeza o dereitos dos cidadáns e cidadás a non colaborar cos gastos militares.
Dende o Espazo Aberto Antimilitar contan, ademais, que a obxección fiscal é "o mellor xeito de resolver os conflitos entre os pobos", a través, tamén, "do diálogo, a cooperación e a solidariedade". A seguir, tamén propoñen unha serie de movementos alternativos aos que se poderían desviar estes cartos que do IRPF se dedican a financiar o exército, entre os que se atopan Galiza non se Vende, os grupos de acción directa contra a fame e a guerra, Comida, Non Bombas ou Anarquistas contra o Muro, un colectivo israelí que traballa para derrubar o muro que lle atranca o paso ao pobo palestino en Cisxordania.
Este colectivo reúnese todas as terzas feiras no CS Cova dos Ratos, en Vigo (Rúa Romil, 3, baixo), e alí resolven dúbidas e explican a maneira de evitar que os nosos céntimos vaian para a guerra.