Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Galardóns Sombra 2009

O falso ecoloxismo dos anuncios de TV

Os premios Sol que outorgan Ecoloxistas en Acción, teñen unha sombra que os acompaña e que sinala os spots sexistas, insolidarios, individualistas ou falsamente ecolóxicos.

Redacción - 12:30 09/06/2009

Por segundo ano consecutivo, o colectivo Ecoloxistas en Acción deu os seus premios Sombra, que son aqueles outorgados, en diferentes categorías, aos anuncios de TV, radio ou internet considerados sexistas, insolidarios, individualistas ou falsamente ecolóxicos.

Este ano 2009 o Premio Tortilla de Silicona, que é aquel que se lle outorga á publicidade que transmite os peores valores alimenticios, foi entregado aos anuncios de Actimel, por crearen un linguaxe de seu, "publi-científico, difícil de comprender para a cidadanía e con evidentes trazas de oportunismo comercial", segundo contan dende Ecoloxistas en Acción. Alén diso, comentan que este produto de Danone ten "os mesmos efectos inmunitarios que calquera outro iogur". O Premio Me lo llevo (Lévoo), outorgado ao anuncio que fomenta os valores máis consumistas, foille outorgado ao anuncio do Centro Comercial La Gavia (Madrid), porque amosa "o acto de mercar coma unha andadura para mellorar os estados anímicos humanos".

O Lavadora Verde, ao mellor "lavado de imaxe" empregando valores ecolóxicos foi para os anuncios de Endesa, por amosar un "futuro sen límites no emprego da enerxía, dándolle as costas ás previsións de dispoñibilidade das fontes de enerxía, e á situación de mudanza climática na que se atopa o planeta". Nesta liña outórgase tamén o premio Lavado Solidario, ao "lavado de cara corporativo máis hipócrita", que foi para a empresa Telefónica, que, segundo os ecoloxistas, emprega os seus programas de Responsabilidade Social Corporativa para "explorar novas vías de negocio e captar clientes".

A publicidade máis sexista, a peor, a máis falsa
Aínda hai outros premios, coma o Floreiro, outorgado para a publicidade máis sexista, que foi para adornos Depuralina; o Cheminea, que é para a visión máis destrutiva do medio, que foi para Hummer; o Premio Cenutrio, que transmite os valores máis irresponsábeis para o desenvolvemento colectivo, e que foi para Telecinco; o premio Peor Anuncio Local, que foi para a Comunidade de Madrid; e o Premio a Toda unha Traxectoria, que foi para Repsol.

Este ano, ademais, dende Ecoloxistas en Acción crearon un novo premio, o galardón A Crise é Rendíbel, que foi outorgado a Carrefour, por promover o "consumo desenfreado" cun seu anuncio no que sinalaban que os seus baixos prezos "permitían continuar mercando ao mesmo ritmo que antes".


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: