Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ROSA ANEIROS, ESCRITORA

"Cando era pequena, a través do meu padriño, coñecía mellor as rúas de La Habana que as de Ferrol"

Conversamos coa protagonista da fin de semana de premios: fíxose co Xerais de novela e co Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

Redacción - 11:15 09/06/2009

Levabamos un tempo sen ler unha novela de Rosa Aneiros; estaban aí, agardando polos premios: dun golpe gañou o Xerais de Novela con Sol de Inverno e o Fundación Caixa Galicia con Ás de bolboreta. Rosa de Taraza, Meirás, Valdoviño, no camiño que leva ao faro e á capela da Virxe do Porto. Rosa Aneiros, escritora e xornalista. Polas páxinas de Sol de Inverno pasea, con máis lírica que épica, o século XX: a guerra, o exilio, a revolución cubana, o maio do 68, a Historia como motor das historias persoais. E por riba diso, o desexo de regresar ao paraíso perdido, á aldea de Antes, á infancia. E polo medio a Cuba que Rosa coñece dende nena pero que non pisou até hai uns poucos anos.

Cal foi o proceso de creación da novela? Creo que xa a tiñas na cabeza dende había un tempo

Si, de feito, na presentación de Veu visitarme o mar en Lugo eu tiña un debuxo diante e cando Manolo Bragado me preguntou que era iso, díxenlle que era a xeografía da miña nova novela. Imaxina canto tempo hai diso. Eu sempre traballo moito a novela na miña cabeza antes de escribila; dende esta idea inicial tiven que pasar por unha oposición, entre outras cousas, e non escribín unha soa liña durante moitos meses; até que un día empecei a escribir, e saíron trinta páxinas dun golpe. Pasou moito tempo, e de feito a novela xa estaba terminada hai ano e medio.
 
No libro conflúen moitos temas, moitos lugares, moitos tempos distintos mesmo. Cal foi o núcleo? Houbo unha primeira historia que quixeses contar, ás que se foron sumando outras?
A parte que tiña máis clara era a de Antes e a de Cuba. Outras, coma a de Barcelona, non as tiña tan claras, e despois engancheime por unhas exposicións que me cadrou de ver aló. E toda a parte do exilio ven dun día que atopei os Diarios do Exilio de Silvia Mistral e tiña moitas gañas de facerlle unha homenaxe, a ela e a todas as persoas que escribiron as memorias do exilio. Existe un imaxinario colectivo que transcende o que son as memorias dunha persoa: Hai unha escena dun tipo que con traxe e gravata se mete no mar e vai dicindo 'marcho a México, marcho a México'; esta historia está en seis ou sete memorias de exiliados distintas, e posibelmente ningún deles foi testemuña directa.

Vas facer que se coñeza a Silvia Mistral, a quen lle dedicas o libro...
Silvia Mistral era unha escritora e xornalista, con antepasados galegos. Nos anos corenta publicou o seu libro Éxodos, prologado por León Felipe. Ás veces dábame a impresión de que na novela contaba a súa historia tan ao pé da letra que estaba usurpando a súa memoria; pero despois, lendo outras memorias de exiliados, decátaste de que todas contan episodios moi parecidos, é dicir, que a forza de contarse estas historias uns aos outros, acabaron por facelas súas. As novelas son para xogar un pouco coa Historia; hai que respectar as cousas máis básicas, pero hai que xogar.

Tiñas sobre todo gana de falar de Cuba, coa que tes unha relación moi especial, que foi crecendo nos últimos anos. Como nace ese vencello?
Foi crecendo nos últimos anos por investigación, porque tiven que traballar con moitos temas da emigración galega na illa. Pero eu sempre digo que no 2004, cando por primeira vez fun a Cuba, volvín a Cuba. O meu padriño estivo emigrado entre 1920 e 1949, e creo que nunca chegou a regresar de todo de alí; el sempre turrou por esa memoria, por regresar a esa parte del mesmo que deixou na illa. El dicíame: 'Rosiña, que conto queres que che conte, o do gato chosco ou de Cuba?'. Para el falar de Cuba era volver á súa cidade, a busca do paraíso perdido e da felicidade. E a través do meu padriño, cando era pequena, coñecía mellor as rúas, os ruídos e os cheiros de La Habana que os de Ferrol ou A Coruña. Cando fun á Habana por primeira vez tiña a sensación de ter estado aí toda a vida; por exemplo o Centro Galego: faláranme tanto del que o coñecía de memoria. Cuba formaba parte de min e e quería contalo na novela.

En 'Resistencia', en 'Veu visitarme o mar' e parece que de novo en 'Sol de Inverno' os personaxes loitan contra o destino, contra a historia que os arrastra; parece que nos tres libros é o motor da novela. Estás de acordo?
Creo que nesta novela iso é aínda máis dramático; cando Inverno ten que marchar de Antes, faino por unha cuestión política de seu pai; e pasa toda a súa vida perseguindo os pasos de seu pai, pensando que así vai regresar a Antes. Ela nun momento decátase de que non está vivindo a súa vida, senón a vida de seu pai, e que o paraíso perdido, o paraíso da súa infancia que procuraba nunca ía volver. Esa forza da que falas aquí é máis evidente ca nas outras novelas, hai unha forza contra a que ela turra, turra e turra. E ao final creo que hai unha vitoria, non sei se os lectores o verán así, pero para min dentro da derrota hai unha vitoria que paga a pena.

Cres que a túa novela está emparentada con Os libros arden mal ou Memoria de cidades sen luz, pola estrutura, polo tema...?
Non me importaría que esta novela tivese algo de Os libros arden mal ou de Memoria de cidades sen luz, pero non o sei. En parte é inevitábel que as novelas teñan cousas en común, pois contan cousas parecidas, e creo que comparten unha melancolía que tira do fío da historia, pero desenvolvido e resolto de formas moi diferentes. En realidade este libro non fala moito de Galiza, pois o único lugar que é Galiza, que é Antes, é o único lugar imaxinario, tamén para acompañar unha certa atmosfera de realismo máxico. Esa é a gran diferenza coas novelas que citaches, tamén a parte de Cuba, que aquí ocupa a maior parte da historia, e o feito de que aquí a Guerra Civil non sexa o motor da historia, senón que aquí o que move o libro é a historia persoal de Inverno. É unha historia de personaxe.

Cada vez son máis as novelas galegas que falan da guerra, do exilio, e cada vez de xeito máis normal. Foise perdendo o medo?
Houbo un momento no que se xerou un comentario, que se repetía cada vez que saía unha novela que falaba desta época que era 'outra novela sobre a Guerra Civil'. Creo que é inxusto e que implicaba condenar moitas novelas. Eu sempre dixen, por exemplo con Resistencia, que os momentos de tensión como guerras ou revolucións, son marabillosos para contar historias, porque son motores en si mesmos, é cando o ser humano se pon no gume da navalla. Tamén creo que na literatura galega temos moitos prexuízos sobre nós mesmos: ás veces parece que se ambientan historias fóra, porque se as ambientamos aquí somos localistas; diso quéixase Fernández Paz, que di que a el lle chaman a atención porque as súas historias transcorren en Galicia, de igual xeito que Paul Auster as ambienta en Nova York, pero Auster é caracterizado como cosmopolita e Fernández Paz parece que é un localista. Os momentos históricos non están esgotados, a nosa lingua non está esgotada; e canto máis contribuamos a alimentar ese poliedro da realidade, moito mellor.

E como é Ás de Bolboretas, a novela coa que gañaches o Caixa Galicia?
É o contrapunto. Eu cando remato unha historia necesito romper completamente co anterior e atopar un novo fío para contar. Se Sol de Inverno é unha novela histórica, que transcorre en moitos lugares e tempos, na que pasan moitas cousas, a historia principal de Ás de bolboreta ocorre unha mañá nunha cafetaría. É unha novela moi aberta, sen prexuízos, sen vítimas e verdugos claros, non tiña claro de se os rapaces a ían entender; deixeilla ler a profesores para que me dixesen se era unha novela xuvenil, e varios advertíronme que o texto non era para adolescentes. E para min foi moi satisfactorio que cando me chamou o xurado me comentaran que as dúas estudantes que formaban parte del foran as que defenderan a novela.


4,22/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: