Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Eleccións Europeas

O BNG traballará "contra o recorte impune dos dereitos", subliña Miranda

A cabeza de lista do Bloque nas Europeas destaca a intención da súa formación de colaborar en Europa a prol "doutro modelo máis social".

Redacción - 08:00 05/06/2009

"Queremos unha Europa que reduza a tremenda precariedade laboral que sufre a nosa mocidade", dixo Ana Miranda na Coruña este xoves. "Votar BNG é votar non só polos sectores produtivos, senón pola defensa dos dereitos laborais que tanto nos custou conquistar e por que a nosa mocisade non siga padecendo unhas condicións de traballo cada vez máis precarias".

A número un do BNG nestes comicios, Ana Miranda afirmou que o Bloque defende un modelo de Europa "diferente", con políticas sociais "de defensa dos traballadores e traballadoras porque non podemos permitir que se sigan levando adiante EREs e deslocalización de empresas". Insistiu Miranda en que a súa formación traballará "contra o recorte de dereitos con total impunidade". "Non podemos permitir que se sigan facendo políticas para minorías, mentres a maioría social ve como día a día empeoran as súas condicións de traballo", censurou. "O nacionalismo galego traballará en Europa para impulsar outro modelo máis social no que haxa un reparto máis xusto da renda, no que se vinculen as axudas públicas á mellora das condicións dos traballadores", expuxo.

No mesmo acto participou o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen dixo que o líder do PP en Galiza, Alberto Núñez Feijoo, "non ten tempo para gobernar, pero si para practicar a censura na TVG e perseguir a música en galego na Radio Galega", en referencia aos recentes episodios no medio público. Agoirou Vázquez que o PP semella "volver facer da CRTVG o NODO do PP, o NODO do señor Feijóo!". "Perigosísimo programa", ironizou Guillerme Vázquez sobre o relevo de Souto en Aberto por Reformas e o cambio do formato orixinal deixando de centralo na música galega, "perigosísimos os contidos do programa e perigosísimo Xurxo Souto".

Por outro lado, expresou que a cita do domingo son unhas eleccións que interesan ao pobo galego, que si 'van con nós' porque en Europa se deciden cuestións que nos afectan". Foi así como se referiu ao sector lácteo, á distribución dos fondos de cohesión estruturais, ou ao veto á factoría de Astano, como exemplo da importancia que teñen para Galiza as decisións que se adoptan en Bruxelas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: