O presidente do Goberno asegura que o diñeiro aforrado irá parar a un "fondo de austeridade" para sufragar o gasto social.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pretende aforrar 30 millóns de euros ao longo da lexislatura grazas a un plan de austeridade posto en marcha polo Goberno e que supoñerá a redución do persoal de confianza e dos altos cargos. Na conferencia posterior ao Consello da Xunta, asegurou que a "austeridade impregna cada acción" do Executivo.
O Goberno aprobou este xoves a nova estrutura orgánica das consellarías de Facenda, Sanidade e Mar, que supón a redución dos seus altos cargos. Tamén haberá unha redución no persoal de gabinete, de arredor dun 26 por cento entre asesores e postos de libre designación. Segundo Feijoo, "supoñerá unha redución de dous millóns de euros ao ano", e comprometeuse de xeito "firme" a practicar a "austeridade".
Tamén contan a diminución do 46 por cento de altos cargos, a eliminación de 47 delegados provinciais e a supresión de tres consellarías. Alberto Núñez Feijoo cifrou o aforro en 7,8 millóns de euros ao ano, o que se achega aos 30 millóns ao final do mandato.
O importe aforrado, segundo Feijoo, irá destinado a un "fondo de austeridade", co obxectivo de "tentar diminuír" o "burato" de 1.200 millóns de euros deixado polo anterior Goberno . O fondo servirá para contribuír ao "gasto social" e a "aumentar os obxectivos" da Lei de Dependencia.