Este venres entréganse no Centro Galego os premios deste concurso e o sábado o teatro de Furafollas volve con "Historias no Raval"
O certame literario "Contos no Mediterráneo" remata a terceira edición coa entrega de premios o venres 29. Este concurso único, dirixido a persoas que estudaron ou están a estudar galego ou portugués en territorios de fala catalá, ten no seu haber valorar a creatividade literaria por riba da corrección normativa, polo que racha coas fronteiras normativas entre a fala galega e a portuguesa, alén de premiar o estudo das normas ortográficas do galego e de portugués.
A entrega de premios será no Centro Galego de Barcelona este venres 29 de maio ás sete e media da tarde.
Furafollas Agrupación Teatral segue co seu ciclo "Historias no Raval" e na tarde do sábado 30 actuará de novo no histórico local galego das Rambles de Barcelona. Este grupo de teatro galego-catalán (que axiña deberemos de etiquetar coma plurinacional pola diversidade do seu elenco artístico), leva anos deleitando a parroquia galego-catalá (sic) coa súa retranca. Desta vez anuncia un percorrido dende o Centro Galego ao local de La Xina Art, onde a iniciativa "Catalizador" do furafolleiro Anxo Baranga canda outras furafolleiras ten deleitado a Barcelona con performances poético-eróticas proxectadas na Semana Barcelona Poesía.
Venres, 29 de maio, 19.30 h.
Entrega premios III Edición Contos no Mediterráneo
Sala Ferrío, Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxins, 35-37
Sábado, 30 de maio, 19 h
Teatro. Historias no Raval, de Furafollas Agrupación Teatral.
Montaxe teatral que levará o público de ruta polo Raval, do CGB a La Xina Art.
Sala Ferrío, Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxins, 35-37