Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONVIDADA NO SALÓN DO CÓMIC DE BARCELONA

Galiza é unha banda

Do 29 de maio até o 1 de xuño os autores, revistas e editoriais galegas serán protagonistas nun dos encontros máis importantes do mundo.

M.S.P. - 08:00 27/05/2009

Galiza é o país convidado este ano no Saló del Cómic de Barcelona. Serán catro días nos que a banda deseñada feita no noso país será protagonistas; xa o foron noutros anos, con mostras de varios autores e colectivos e premios para álbumes e fanzines. Este traballo invisíbel de moitos anos foi recoñecido nesta ocasión pola organización do Saló, un momento para reflexionar sobre o camiño percorrido e para analizar os retos de futuro da banda deseñada galega. Para Kiko da Silva "máis que como momento de facer balance, eu véxoo como un comezo; agora vén o máis complicado, que é que todo isto se converta nunha realidade. A produción de banda deseñada en galego é moito máis importante que hai algúns anos, agora temos o reto de facer que isto non quede nun espellismo, que este tren non descarrile. O gran reto agora é crear unha industria de banda deseñada en Galiza".

O director de Retranca e coordinador de BD Banda, "nestes anos todo xirou ao redor dos autores, porque non había industria. O convite deste ano é un feito histórico. Temos que felicitarnos todos os que estivemos cando as institucións non sabían nin que existíamos. Os autores agora teñen que tomar riscos, coller o touro polos cornos. Ter miras amplas e profesionalizarse. Os fanzines estiveron moi ben, pero agora tócalles a outros facer fanzines". E conclúe "Ás veces parece que temos medo a amosar o que facemos aquí. Non se pensa na banda deseñada como algo exportable. E é imprescindíbel, porque editar banda deseñada é moi custoso".

O protagonismo galego comeza polo propio cartaz do Salón, realizado por David Rubín. Rubín, candidato ao premio ao mellor debuxante por Caderno de Tormentas, asegura que "estamos vivindo o mellor momento da banda deseñada galega, o que non quere dicir que sexa todo ideal. Este recoñecemento hai que tomalo como un pulo para seguir traballando".

En canto aos retos da banda deseñada galega, Rubín cre que o primeiro "é afianzar unha mínima industria, aínda que é complicado: moitas das propostas que están riba da mesa son loábeis, pero non serven. O que non se pode facer é o que fan algúns, que é tentar que funcione un proxecto empresarial só a base de subvencións, son proxectos que non xeran industria nin lectores. É preferíbel que haxa menos cousas, pero máis afianzadas". O outro gran reto, para Rubín, é "gañar lectores". E tampouco é doado, di: "en Galiza hai xa poucos lectores, e a lingua é un handicap: hai moita xente que se ten un volume en galego e castelán, opta polo segundo. Estamos vendo como hai editoras que sacaban obras nas dúas linguas, e que agora só van publicar en castelán".


Presenza institucional, exposicións e debates
O stand institucional da Banda Deseña da galega acollerá dúas exposicións sobre o cómic galego. Por unha banda, 'Viñetas descubertas. Certames galegos 2000-2008' é unha panorámica da obra realizada polos autores gañadores dos galardóns máis importantes destes últimos anos en Galiza. En segundo lugar, a mostra 'Miña Terra Galega' resume a visión dos nosos creadores sobre os tópicos relacionados con Galiza; oito autores presentan, a través de historias de cinco páxinas creadas ex profeso para o certame, as súas versións sobre temas como a chuvia, a paisaxe ou o marisco até a música ou fantasías populares. Ademais, a delegación galega terá como artista convidado a Xaquín Marín, a quen os novos creadores queren facerlle unha homenaxe no seu 30 aniversario como ilustrador.

Haberá tamén mesas redondas que terán a banda deseñada galega como protagonista. O venres 29 ás catro da tarde celebrarase unha mesa redonda sobre o estado do sector co título 'Galicia comunidade convidada' na que estarán presentes Gochi, de Cerditos de Guinea Cómics, Javi Montes como representante da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e mais o autor Xosé Tomás.

Premios
Os artistas e publicacións galegas optan a premios en todas as categorías (agás a de mellor obra extranxeira) nos premios que outorga o Saló do Cómic de Barcelona. Jacobo Fernández pode ser considerado 'mellor autor revelación' por Os amigos de Archimboldo Roque e Aventuras de Cacauequi. Mentres, David Rubín compite na categoría de mellor debuxo por Cuaderno de tormentas. En revistas 'BD Banda' é candidata ao premio principal, o mesmo que 'Carne líquida' e 'Condorito muerto' na de fanzines. Finalmente, As serpes cegas, álbum do balear Bartolomé Segui e do valencián Felipe Hernández Cava editado por BD Banda, opta aos premios a mellor obra e mellor guión.

Na pasada edición do Saló, Alberto Vázquez estivo nominado a tres premios, os tres máis importantes: mellor obra, mellor guión e mellor debuxo. Finalmente, o 'Fanzine Enfermo' fíxose co premio ao mellor fanzine do 2007, ficando Alberto Vázquez sen premios do xurado. Porén, nos galardóns outorgados polo público a Retranca de Kiko da Silva recibiu o premio á mellor revista de 2007. Tamén foi recoñecido como 'mellor guión' Antonio Seijas co seu álbum Un home feliz, co que xa gañara o Premio Castelao. E o propio Alberto Vázquez, aínda que quedou sen nada nas categorías oficiais, levou o recoñeceñemento do público ao mellor debuxo.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: