Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 26 DE MAIO AO 10 DE XUÑO

Catro compañías galegas estarán no FITEI de Porto

Nut, Matarile, a compañía de danza Entremans e Troula Animación representarán no Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica.

Redacción - 08:00 19/05/2009
'Wake Up', de Nut TEatro

'Wake Up', de Nut TEatro

A estrea de Wake Up, de Nut Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG); e os espectáculos Animales Artificiales, de Matarile Teatro; Ven, da compañía de danza Entremans; e A Invasión Pirata, de Troula Animación, compoñen a participación galega no Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI), que se desenvolverá do 26 de maio ao 10 de xuño na cidade portuguesa do Porto.

O FITEI 2009 emprestará deste xeito unha atención especial á escena galega, con catro obras dun total de 20 espectáculos (6 procedentes de Portugal, 10 de España, 1 de Brasil, 1 de Venezuela, 1 de Alemaña e 1 de Francia). Nesta nova edición, o Festival continúa crecendo e, por primeira vez, presentará parte da súa programación fóra do Porto. O renovado Cine-Teatro Constantino Nery, en Matosinhos, e o Fórum Cultural José Manuel Figueiredo, en Moita, son os espazos que se engaden este ano para que varias compañías suban ao escenario. No evento tamén teñen cabida outros ámbitos da creación contemporánea, como son a danza, a performance, as artes plásticas ou a literatura. Ademais, desenvolverase unha programación paralela con conferencias, exposicións e concertos de jazz.

No cartel ocupa un lugar destacado a estrea absoluta da montaxe Wake Up, de Nut Teatro en coprodución co CDG e o FITEI, que terá lugar no Teatro Carlos Alberto o sábado 6 de xuño ás 21.30 horas e o domingo 7 ás 16.00 horas. A compañía repetirá función o martes 9 ás 21.30 horas na extensión do Festival en Moita. A programación galega continuará con Animales Artificiales, de Matarile Teatro, o luns 8 e o martes 9 ás 21.30 horas no Teatro Nacional São João. O mércores 10 ás 21.30 horas será a quenda da compañía coruñesa Entremans, que interpretará no Cine-Teatro Constantino Nery de Matosinhos o espectáculo de danza contemporánea Ven. O mesmo día 10, tamén a partir das 21.30 horas, os vigueses de Troula Animación desenvolverán o espectáculo A Invasión Pirata polas rúas da cidade de Matosinhos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da peza 'Animales artificiales', de Matarile Teatro
Imaxe da peza 'Animales artificiales', de Matarile Teatro
'Ven', da compañía de danza Entremans
'Ven', da compañía de danza Entremans
'A invasión pirata', de Troula Animación
'A invasión pirata', de Troula Animación