O sistema Acquine, da Universidade Estatal de Pensilvania (EUA), analiza as fotografías baseándose en miles de cualificacións de usuarios de redes sociais.
Un novo servizo en liña cualifica automaticamente o valor estético das imaxes. Acquine, desenvolvido pola Universidade de Penn State (EUA) é a primeira ferramenta deste tipo dispoñíbel na rede e de balde.
Aínda que os seus autores recoñecen que unha máquina nunca poderá ter a reacción emocional dun ser humano, esta ferramenta pode ser un primeiro paso para, cando menos, simular ese efecto. Despois de catro anos de desenvolvemento, Acquine saíu á rede no mes de abril. En poucos segundos, ofrece unha cualificación, de 0 a 100, do valor estético dunha imaxe, que se pode subir mediante un formulario, ou ben pegando o seu enderezo URL.
Para chegar ás súas conclusións estéticas, o software analiza parámetros da foto como a saturación e a distribución da cor, así como a composición visual. Ademais, os usuarios poden cualificar as imaxes mediante un sistema de estrelas, polo que o sistema pode aprender a relacionar as reaccións humanas con esas carcaterísticas fotográficas. De feito, xa analizou miles de valoracións de fotografías de webs de intercambio de imaxes.
Segundo o investigador James Wang, un dos creadores de Acquine, a fiabilidade das cualificacións automáticas é superior ao 80 por cento, aínda que se segue a traballar en melloralas. Wang confía en que, máis adiante, se poidan simular outras emocións humanas, ademais da estética. Unha das posíbeis aplicacións do sistema é incorporalo ás cámaras fotográficas para que ofrezan instantaneamente a cualificación estética das imaxes sacadas.