Rexeitan os anuncios do Goberno contra a normalización lingüística e piden saír á rúa a prol da lingua.
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a CIG-Ensino fixeron este mércores un chamamento á participación "masiva" na manifestación "en defensa do galego" convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, que se celebrará este domingo en Santiago --17 de maio, ás 12.00 horas-- coincidindo coa celebración do Día das Letras.
Nun comunicado, estas tres organizacións inciden na necesidade de poñer de manifesto "a vontade" das persoas que "aman" o galego para reclamar o "dereito a convivir" no idioma e que teña "os mesmos dereitos xurídicos que o español", sinalan.
Á súa vez, expresan o seu "rexeitamento" aos cambios que pretende introducir o Goberno no decreto que regula o uso do galego no ensino e argumentan que as últimas investigacións sociolingüísticas confirman o retroceso do galego na sociedade. Por iso, cualifican de "urxente" a aplicación do decreto para que se garanta que os nenos e nenas "aprendan o galego e poidan medrar coñecendo o seu idioma", subliñan.
Por outra banda, negan que se "estea a impoñer" o uso do galego e asegura que é este idioma "o que segue sometido á presión do español, nun patente proceso de substitución lingüística". Así, sosteñen que o idioma "non está presente como lle corresponde" en ámbitos como a Xustiza, o cinema, os medios de comunicación, a tecnoloxía ou o lecer infantil e xuvenil. Finalmente, as tres organizacións pídenlle tamén ao novo Goberno que "cambie a súa postura" sobre o idioma e dea "un apoio efectivo" ao galego.