Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ELENA PONIATOWSKA, ESCRITORA

"Unha poboación que aprende a protestar teno todo gañado"

A novelista e xornalista mexicana será distinguida esta semana pola AELG como 'Escritora Galega Universal'.

M.S.P. - 08:00 06/05/2009

"En América é difícil facer literatura intimista, a realidade é demasiado forte"

Fala sobre López Obrador e a capacidade de loita da sociedade mexicana


Escritora e xornalista, Elena Poniatowska publicou o seu primeiro texto en prensa en 1953 no Excelsior mexicano. Dende entón nunca deixou de escribir, e continúa viaxando coa súa libreta. Foi pioneira do novo xornalismo en México co seu relato sobre a Matanza de Tlatelolco de 1968 (na que o exército mexicano asasinou a perto de trescentos estudantes), un texto que o seu xornal non publicou, pero que pouco despois se converteu na novela A noite de Tlatelolco.

"En América é difícil facer literatura intimista, a realidade é demasiado forte. Ti está aí escribindo se namoraches ou se desnamoraches e de súpeto a realidade entra pola fiestra e cómete. En Europa non hai grandes calamidades", di a este respecto. En boa parte dos seus libros Poniatowska, malia á súa orixe na alta sociedade mexicana, fala dos desprotexidos, dos que non teñen voz: "Fascináronme os mexicanos máis pobres, porque me daban algo que non me daba outra xente: na súa intelixencia, na súa maneira de enfrontar a vida, no seu sentido do humor; a un mexicano lévaslle un coche que se descompón e cun arame xunta todas as pezas e o coche arrinca, claro que pode parar ás dúas cuadras, pero o milagre xa se fixo, os mexicanos fan milagres".

Unha realidade que non sempre reflicten os medios de comunicación: "Non podía sacar un só problema que manchase a imaxe de México; se un can fraco atravesaba o xardín, dicíanche que iso non o podías poñer, porque o can denigraba a México", pero que ela quixo sacar á luz. O seu compromiso político é incontestábel, por exemplo o seu activo apoio ao candidato da esquerda, Lóez Obrador, nas últimas eleccións mexicanas: "López Obrador gañou as eleccións. Quedamos no Zócalo durante 50 días, en agosto e setembro; para min foi moi importante para min, foi unha aprendizaxe, descubrín xente moi interesante. Agora López Obrador segue viaxando por toda a república, pelexando sempre pola xente máis necesitada de México e facéndolle unha sinalización ao goberno actual, e iso é moi valioso". E conclúe: "Unha poboación que aprende a protestar, que reclama os seus dereito, teno todo gañado. Saber protestar é saber respectarse a un mesmo".

Escribiu nun relato que "Europa é coma un hotel avellentado", este martes dixo que Europa ten que aprender de América Latina a súa "tenacidade, a súa intelixencia esmagada durante séculos". Pero tamén fai autocrítica: "México é racista en contra de si mesmo. Quen asoballa aos indíxenas? Os propios mexicanos que non se senten indíxenas. É un país que se sabota moito a si mesmo, ningunéase a si mesmo". Escribiu tamén que os mexicanos soñaban con se converter en gringos, en estadounidenses, "todos en América Latina camiñan cara aos Estados Unidos, mesmo os intelectuais o que queren e entrar nun departamento de Spanish studies, e queren ser traducidos ao inglés, e non ao maia. Temos fronteira co país máis poderoso da Terra e iso págase caro".

Este sábado recibirá na Cea das Letras
organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega a pluma estilográfica que a acredita como 'Escritora Galega Universal'. Este martes dixo sobre a lingua galega que "admiro moito a quen conserva o seu idioma, paréceme valiosísimo. Eu querería que isto sucedese coas linguas indíxenas en México".


4,83/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: