O téxtil galego une forzas para entrar en territorio chinés cun novo obxectivo: rabuñar cota nun gorentoso mercado onde até o de agora só entraban as tendas de xigantes como Inditex.
A internacionalización da moda galega é un paso necesario para avanzar na súa modernización. Así o ven dende a Confederación de Industrias Téxtiles de Galiza (COINTEGA), que xunto co IGAPE, organizan estes días un encontro entre empresas galegas e unha delegación da Asociación Chinesa de Franquías e Cadeas de Tendas. O obxectivo está claro: entrar en contacto co empresariado da moda chinesa e desenvolver aos poucos unha implantación axeitada naquel mercado, sen dúbida, dos máis importantes e emerxentes do mundo.
Das expectativas que o empresariado galego ten neste encontro fálanos Alberto Rocha, secretario xeral de COINTEGA, quen recoñece en iniciativas coma esta a posibilidade de amosar aos compradores estranxeiros as vantaxes que a moda galega ten con respecto a outros competidores internacionais. "É outra liña estratéxica", explica, "non é como ir a unha feira internacional, onde tes un tempo e un espazo limitado para darte a coñecer; neste caso, os empresarios chineses achéganse aquí, coñecen o noso traballo de primeira man e podemos amosar, paseniñamente, cales son os nosos puntos fortes".
Téxtil galego, inexistente no xigante asiático
Iniciativas coma esta son necesarias para vertebrar a oferta galega de cara ao exterior. Neste encontro participan 20 empresas que, dun ou doutro xeito, están interesadas en iniciar a súa presencia no mercado chinés. Son, entre outras, Selmark, Olga Santoni, ShorCut, Pili Carrera, Model Novias, Trinidad Vidueira Design, Futura Línea Moda ou Paz Rodríguez. A cuestión é, até que punto é necesaria esta colaboración? Segundo Rocha é fundamental: "as dificultades para entrar en China de xeito individual son tremendas. Ademais do idioma, que é unha barreira inicial, o único xeito de introducirte é chegando ao consumidor final. Non hai outra forma, porque o mercado está artellado en grandes cadeas ás que non podes chegar cun muestrario e un representante, sería unha estratexia suicida".
Porén, o téxtil galego está unicamente representado por Inditex, o que nun supón nin o 1% da moda galega. "Zara, co grupo Inditex, e Mango son ás únicas marcas que poden competir naquel país", explica Rocha, "porque se poden permitir unha inversión moi grande, pode permitirse grandes campañas de promoción e ten máis capacidade para introducirse en novos mercados, pero esa non é a situación do demais téxtil galego". Tal é así que, por dar unha cifra, Inditex conta con 35 tendas abertas en Asia-Pacífico distribuídas entre China, Xapón, Malaisia, Singapur, Tailandia, Indonesia ou Filipinas. Asemade, a catalana Mango conta con 47 tendas naquel país, a última a inaugurada no pasado marzo en Shangai.
Para Rocha esta entrada de marcas españolas no mercado chinés non é senón unha oportunidade que hai que aproveitar: "A nosa estratexia está sendo adentrarnos nos mercados xa creados e introducirnos como un conxunto", explica. "Estamos intentando relacionar o noso produto coa marca galega e tamén coa española, pois son conceptos compatíbeis e sería estúpido renunciar a esa identificación, que xa xorde de por si".
Puntos fortes do sector
Ademais de aproveitar o camiño xa feito, COINTEGA aposta por subliñar as vantaxes do téxtil galego sobre o doutros países. "Está claro que en Galiza temos dous sectores fortes en conxunto", asegura Rocha, "dunha banda, a roupa infantil e doutra a de muller". É cuestión de impulsar esa identidade e competir. Así, o sector é consciente de que non se pode competir en prezo: "non somos máis baratos, nin tampouco podemos ser competitivos ofrecendo marcas de luxo; o noso é unha combinación de moda e de calidade no oficio, iso é o que temos que vender".
"A nosa", destaca Rocha, "é unha oferta máis completa: sabemos do negocio; non é so unha cuestión de industria, na que só poderíamos vender que sabemos confeccionar; nin é que vendamos deseño e só capacidade de definir patróns; é unha proposta global, na que queremos dirixirnos aos segmentos intermedios, onde poderiamos facer rendíbel as nosas vantaxes".
Importacións chinesas, un perigo?
A importación de roupa china foi entendida nos últimos anos como un auténtico perigo para a produción galega. A chamada "invasión do xigante asiático" que deparou importacións dende o Pacífico que se dispararon por enriba do 100% nos primeiros meses da entrada en vigor da liberalización do sector é vista hoxe doutro xeito por COINTEGA.
Na actualidade, "o produto que se fai en China non é un perigo para nós", asegura Rocha, "porque é de baixa calidade. Se cadra, é unha ameaza para Portugal, pero non para Galiza. Os motivos son que aquí apostamos por un cambio no modelo de negocio, que supuxo que as empresas agora deseñan, xestionan a súa marca e completan toda a estrutura produtiva". "O produto de moi baixo prezo importado de China non compite directamente co mercado de aquí, son propostas diferentes que se adican a consumidores diferentes, ben a través de cadeas de venda, en hipermercados, etc".O cambio destas tendencias exemplifícase cunha práctica que hoxe é xa habitual: "estamos vendendo aos chineses roupa nosa feita por eles alí", subliña Rocha, "logo, quen está xerando valor engadido?