Mais as ONG queren que sexan máis os cidadáns e cidadás que marquen este cadriño. Por isto comezaron unha campaña para procurar apoios.
Unha media do 63,22% dos contribuíntes galegos marcan o cadriño de Fins Sociais -só ou en conxunto coa da Igrexa Católica- na declaración da renda e, por isto, atópanse na media estatal do indicador de persoas que deciden destinar o 0,7% do IRPF a programas que desenvolven as ONG do país. Pero aínda poden ser máis.
Por isto responsábeis de Cogami, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), Fademga-Feaps Galicia e a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento comezaron unha campaña conxunta para "concienciar sobre a necesidade" de marcar o cadro de Fins Sociais e, sobre todo, para "combater o 40% de incremento da demanda de axuda" nalgunhas entidades "a causa da crise económica".
Un dos obxectivos principais é reducir o número de persoas que non se deciden a marcar ningún cadriño, ben sexa o de Fins Sociais, ben sexa o da Igrexa, que moitas veces, segundo contaron estas organizacións, non se deciden porque pensan que os cartos saen do seu peto, cando veñen dos orzamentos xerais do Estado.