Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Documento para o congreso do 9-10 de maio

A ponencia política do PPdeG convida a facilitar un "pacto social pola educación"

Xerardo Conde Roa, Raquel Arias, Román Rodríguez e Pedro Arias foron os encargados de elaborar o texto que definirá o ideario do partido os próximos anos.

R.N. - 14:00 03/05/2009

"Estamos obrigados a involucrarnos na educación e no benestar da nosa infancia, porque da súa preparación e da súa educación en todos os ordes da vida dependerá que saiban e poidan darlle continuidade histórica ao noso país", expón o documento interno que o PPdeG levará a debate fronte á súa militancia a próxima fin de semana, días 9 e 10 de maio.

O texto sinala a continuación a aposta do PP por unha educación "en igualdade e en liberdade, onde o respecto e o esforzo marquen a axenda diaria, e no que haxa un consenso para por en marcha un Pacto Social pola Educación". Tal convite de acordo ao resto de forzas parlamentarias explicitaríase no deseño dunha Lei da Educación non Universitaria de Galicia, "que permita adaptar o noso sistema educativo ás necesidades do noso país".

Solidariedade "estratéxica" e "memoria" de goberno
O documento en cuxa redacción participaron o líder do PP compostelán, Xerardo Conde Roa, e tres dos deputados de recente estrea no Parlamento, Raquel Arias, Román Rodríguez e Pedro Arias, analiza o actual contexto de crise, que consideran orixinado no ámbito da construción e trasladado ao resto de sectores, e fala do fomento de emprego no marco dun "modelo económico diferente". Con todo, evita neste aspecto a proposta de medidas específicas, malia recomendar o despregue dun abano de políticas sectoriais que faciliten "a reconversión das actividades máis afectadas". Unha política que definen de "solidariedade estratéxica, consecuencialista e de busca da efectividade".

Doutra banda, chaman a facer "memoria de goberno" e aproveitar todo o que no pasado fixeran anteriores gobernos "con valor social, cívico e probado". Lembran ao respecto que o PP prestou apoio parlamentario a "practicamente" a metade das iniciativas que o bipartito levou á Cámara. Nesa liña, propoñen "ser coherentes co pasado" e con aquilo ao que deron aprobación, mantendo unha liña de "continuidade". "E incluso respectar, aínda tendo estado en desacordo, o que na práctica real tivo uns efectos socialmente aceptábeis", subliñan.

Coordinación coas deputacións, consorcios e integración de concellos
O fomento dun maior "equilibrio" territorial é citado tamén de xeito destacado no documento interno que o PP leva á cita do 9 e 10 de maio, ámbito político para o que se receitan unha acción de goberno baseada na "planificación, coordinación interadministrativa e integración das distintas políticas sectoriais que interactúan no territorio". Falan así de axilizar as tramitacións administrativas, reducir a burocratización e lograr unha maior eficiencia e eficacia da acción pública. De forma concreta salientan como prioridades a aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral. Nun segundo plano, citan a necesidade do inicio de instrumentos de lexislación paisaxística. "O desenvolvemento urbanístico precisa dunha simplificación burocrática, dunha maior participación da cidadanía e dun cumprimento estrito da legalidade", engaden.

Por outro lado, repróchanlle ao anterior Goberno o "incumprimento" do Pacto Local. "Unha irresponsabilidade que é necesario reparar", din. Nese plano de colaboración municipal, recomendan explorar todas as fórmulas posíbeis de asociacionismo, citando ao respecto os consorcios, áreas metropolitanas ou mancomunidades, e insinúan a posíbel busca de consenso para unha futura integración de concellos. Por último, consideran clave o papel das deputacións como "entes subsidiadores dos pequenos concellos" e chaman a profundizar no labor de asesoría e oferta de servizos que os entes provinciais poden asumir. Sobre a relación de Xunta e deputacións admiten a necesidade dunha "redefinición" e un "axuste competencial" en favor de maior eficacia e superación de "duplicidades".

Autogoberno como "medio" e "liberdade" en materia de lingua
"O autogoberno non é un fin, senón un medio que nos procura unha mellor xestión dos asuntos públicos", recolle a ponencia política, botando man dunha das frases elixidas por Alberto Núñez Feijoo para o seu discurso de investidura como presidente da Xunta. Consideran os populares que se trata dun matiz clave e que o presunto uso do autogoberno "como elemento de confrontación e defensa de intereses partidistas" sería unha das razóns polas que socialistas e nacionalistas perderon os apoios necesarios para repetiren o bipartito.

Nese aspecto, o documento guía para o traballo a curto e medio prazo do PP en Galiza chama fundamentalmente a aproveitar os resortes competencia xa existentes. "En definitiva autogoberno, decisión sen imposicións externas en materias que son da nosa propia competencia, capacidade para decidir en aqueles aspectos que o marco constitucional nos outorga ou nos outorgará no futuro, capacidade para autorregularse, para achegarse aos problemas reais da xente cos instrumentos xurídicos axeitados, coñecemento próximo e inmediato das necesidades do noso pobo", expón o texto.

Doutra banda, no que lle toca á lingua do país, falan dun eixo que "non debe de converterse nun elemento de confrontación". "Antes ao contrario, debería ser, como así foi durante os gobernos do Partido Popular, un elemento de cohesión e de convivencia pacifica entre os galegos", afirman. Ao fío, suxiren unha actuación nesta materia que estea baseada en "diálogo e liberdade". "Estamos convencidos de que se equivocan os que queren facer do galego un instrumento de imposición e equivócanse tamén os que consideran a lingua propia como algo subalterno ou marxinal", argumentan. De xeito concreto,o documento aposta por "unha educación trilingüe" e refírese a unha "convivencia normal que debe ser constante entre galego e castelán" que se "estenda até o inglés.

"Reconsideración" dos valores
O texto que servirá de marco para o ideario do PPdeG apunta tamén o que definen como "grave descoido dos valores que fundamentan unha sociedade civilizada, humanizada e próspera". "Sen valores reais carcómense os edificios institucionais, desnaturalízanse as pancas de progreso da sociedade; altéranse as bases das convivencias –social, familiar, amistosa e a propia identificación persoal- e a economía, ao igual que a política", expoñen. Un escenario diante do que o PP afirma ter como referencia "irrenunciábel" a cosmovisión dos valores das "sociedades modernas de construción democrática e liberal".


1,45/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: