Segundo o estudo, a penetración das redes 3G fronte á mala calidade das redes fixas é unha das causas da súa popularización.
Dúas das zonas do mundo onde, na actualidade, están menos desenvolvidas as conexións á internet liderarán nos vindeiros anos o crecemento da banda larga móbil. África e Oriente Próximo serán as áreas en que máis medrarán as contratacións até 2012, segundo un informe de Pyramid Research.
Aínda que esas zonas xeraron no ano 2008 o 10 por cento do tráfico de telefonía móbil do mundo, só supuxeron o tres por cento en conexións de datos polo mesmo sistema. Segundo declarou a Afrol News a autora do informe, Dearbhla McHenry, a rexión duplicará a súa porcentaxe mundial de conexión de datos no ano 2014 debido á popularidade que está acadando a banda larga móbil nese mercado, onde se dan actitudes semellantes nos diferentes niveis de poder adquisitivo.
Segundo o informe, espérase que se chegue aos 32,2 millóns de conexións no ano 2014, cunha media de crecemento do 33 por cento nos próximos cinco anos. O estudo tamén analiza como as compañías de telefonía están a adaptar as súas estratexias de banda larga aos tres mercados máis importantes da zona: Marrocos, África do Sur e Arabia Saudí.
Segundo McHenry, a baixa calidade e implantación das liñas de telefonía fixa nesas áreas propiciaron que, coa chegada da telefonía móbil, esta se convertese no principal medio de acceso á internet, e máis coa chegada dos servizos 3G.