Unha compañía privada será procesada por entrar nos sistemas informáticos da asociación ecoloxista internacional, por orde da eléctrica EDF.
Greenpeace enfrontouse en máis dunha ocasión co grupo EDF, un dos maiores defensores da enerxía nuclear en Europa
Kargus Consultants é a empresa de investigación que será procesada pola xustiza francesa por entrar nos sistemas informáticos da asociación ecoloxista Greenpeace. O presidente da firma, Thierry Lorho, antigo axente dos servizos de información da DGSE, revelou nunha web -lereseignment.com- que fora o encargado de identificar en particular o financiamento da organización ecoloxista, para saber "quen son os xenerosos doadores".
"Asumo completamente a vixilancia do responsábel do Greenpeace, Yannick Jadot, mas gustaríame que a empresa EDF, que me encomendou a operación, tamén aceptase as súas responsabilidades", dixo Lorho. O responsábel de Kargus Consultants tamén recoñeceu que andar a espiar as actividades de Greenpeace era unha actividade ilegal, mais dixo entender que "desestabilizar o maior grupo europeo de enerxía e cometer acción contra as súas centrais nucleares" o era aínda máis.
O grupo de electricidade EDF, un dos principais produtores mundiais de enerxía nuclear -o que fai que os ecoloxistas se enfronten a el e desenvolven diversas actividades na súa contra- defendeuse, até o de agora da acusación, sinalando que a espionaxe non era tal, e estaba inserida nun contrato de estratexia asinado en 2006 coa Kargus Consultants.