O presidente do grupo afirma que non abandonarán Europa, mais admitiu que "terá unha estrutura diferente".
Fritz Henderson, presidente do grupo
General Motors (GM) anunciou este luns que acelerará o seu plan de viabilidade, polo que antes de finais de 2010 eliminará 21 mil postos de traballo nos Estados Unidos -oito mil máis dos anunciados o pasado 17 de febreiro- e pechará trece das 47 plantas que ten no país.
GM sinalou que para 2011 equilibrará a súa forza de traballo industrial no país norteamericano en 38 mil empregados. Ademais, anunciou un plan de troco de 27 mil millóns de dólares de débeda non asegurada por accións, para reducir algunhas das súas débedas.
O plan ofrece 225 accións de GM por cada mil dólares de débeda. "No caso de que GM non reciba antes do 1 de xuño de 2009 suficientes ofertas para consumar o intercambio, GM espera acollerse ao Código de Creba dos EUA", apuntou o grupo, que no entanto engadiu está a analizar "alternativas á creba".
Futuro en Europa
A redución de emprego permitirá que GM recorte os seus custos laborais industriais nun 34%, ao pasar de 7.600 millóns de dólares en 2008 a cinco mil millóns en 2010.
Por outra banda, o presidente do grupo. Fritz Henderson, dixo que a automobilística non abandonará Europa, mais admitiu que "terá unha estrutura diferente" a medida que avancen as negociacións sobre o futuro da marca Opel.