O grupo nacionalista do Parlamento esixe saber se houbo conflito de intereses nas obras adxudicadas por Hernández na era Fraga a unha empresa á que despois se incorporou.
Á esquerda, Agustín Hernández, xunto a Pedro Puy, Méndez Romeu e Gumersindo Guinarte
O Grupo Parlamentario do BNG reclamou que a Cámara convoque unha comisión de investigación para determinar se o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, incumpriu a Lei de incompatibilidades. O conselleiro incorporouse a unha empresa privada á que lle adxudicou obras cando era director xeral na Xunta de Fraga.
O voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, presentou a proposición non de lei, asinada polos 12 membros do grupo, na que piden que se forme a comisión. "Durante os dous anos seguintes á data do seu cese, os altos cargos da aplicación desta lei non poderán realizar actividades privadas relacionadas con expedientes sobre os que ditasen resolución no exercicio do seu cargo", sinalou Aymerich lembrando o artigo 3.5 da norma de 1996.
Agustín Hernández entrou no ano 2006 como conselleiro dunha sociedade do grupo Puentes y Calzadas despois de que, un ano antes, lle adxudicase á empresa obras por máis de 30 millóns de euros sendo director xeral de Obras Públicas.
O voceiro nacionalista denunciou que Hernández tamén puido incorrer nun "conflito de intereses" e apelou á estratexia da "porta xiratoria a pequena escala" para preparar "a súa volta á vida civil". Aymerich pediulle ao PPdeG "en coherencia coa rexeneración democrática" prometida que non poña "trabas" na convocatoria da comisión que conclúa se Agustín Hernández incorreu nese conflito.
O BNG buscará o apoio dos outros dous grupos parlamentarios para sacar adiante a comisión unha vez que a iniciativa entre a trámite, segundo explicou Aymerich. Os socialistas xa adiantaron que agardarán a resolución do expediente aberto pola Xunta en funcións para adoptar unha postura ao respecto.
Aymerich engadiu que Feijoo "non lles pode facer crer aos galegos que non sabía que Hernández beneficiara empresas que pasou a dirixir", pois foi subordinado seu cando o actual presidente estaba na Xunta, e relacionouno co caso de Luís Carrera, apartado do número un da lista de Ourense por non ter declarado a Facenda ingresos que tiña nun paraíso fiscal.