Proporá reducir á metade o imposto de transmisións patrimoniais nos "primeiros 100 días" da Xunta, mais adía reducir o IRPF e suprimir o imposto de sucesións.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou esta quinta feira que nos "primeiros cen días de goberno" levará ao Parlamento o proxecto de lei para rebaixar nun 50% o imposto de transmisións patrimoniais e o de actos xurídicos documentados, unha redución que, dixo, vai "en beneficio das familias numerosas e dos menores de 35 anos para adquirir a súa primeira vivenda".
Cumprirá, deste xeito, unha das tres promesas fiscais lanzadas polo PPdeG na campaña electoral. Porén, as outras dúas, a supresión do imposto de sucesións e doazóns e a redución do tramo autonómico do IRPF -que prometera rebaixar nun 8,2% para 600 mil contribuíntes con rendas máis baixas- dependerán de varios condicionantes.
Estes, informou Feijoo, acometeranse "ao longo da lexislatura, en función dos ingresos da comunidade, do novo sistema de financiamento da Comunidade Autónoma e do crecemento económico". "Pero o que si está claro é que dos tres compromisos fiscais, o primeiro deles ímolo acometer nos primeiros cen días de Goberno", insistiu en conferencia de prensa logo do Consello da Xunta.