Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'O dereito á supervivencia'

Os desastres climáticos afectarán a 375 millóns de persoas en 2015

As organizacións humanitarias internacionais poderían ficar sen capacidade de resposta nese ano, cando o as persoas afectadas polas catástrofes naturais aumenten un 54%.

Redacción - 16:00 26/04/2009
Flickr: thechairman

Flickr: thechairman

Nun seu informe titulado O dereito á supervivencia (The Right to Survive), o ONG Oxfam pon sobre a mesa estas cifras: no ano 2015 o número de persoas afectadas polas catástrofes naturais, derivadas da mudanza climática, incrementarase nun 54%.

A organización internacional explica este aumento na combinación de pobreza coa migración a barrios densamente poboados, unha situación que podería agravar os impactos dos desastres climáticos. Ademais disto, acrecentan dende Oxfam, está o "fracaso político" para responder a estes riscos, e un sistema de axuda humanitaria que aínda non está adaptado.

A asociación baseouse nos datos que se desprenden do estudo de 6.500 desastres climáticos -rexistrados dende 1980 pola Universidade de Louvain, en Bélxica-, para estimar o número das persoas que se verán afectadas de aquí a uns seis anos. Os seus datos conclúen que dentro de seis anos, serán 375 millóns o número de persoas que sufrirán os fenómenos climáticos. Hoxe en día este número está nos 133 millóns. Estes valores deixan fóra as vítimas doutros desastres, como guerras, sismos ou erupcións volcánicas.

Axudando a reducir a vulnerabilidade dos máis pobres
Ademais, este estudo sinala tamén que o actual sistema internacional de resposta humanitaria será incapaz de facerlle fronte a estas novas crises, a non ser que os países ricos realicen o investimento preciso para fortalecer os pobres.

"O mundo debe aumentar a axuda financeira humanitaria dos 10,9 mil millóns de euros de 2006 até, polo menos, 19,2 mil millóns de euros ao ano", sinalan dende Oxfam. "Este aumento, o equivalente a 38,5 euros por persoa afectada, continúa a ser insuficiente para responder ás necesidades básicas", sinalan nun comunicado. Nesta liña, Oxfam apela aos países desenvolvidos a "se comprometeren xa coa redución das emisións de gases con efecto invernadoiro, para manter o quecemento global por baixo do aumento dos 2ºC", e axudar aos países máis pobres para "que poidan adaptarse ás alteracións climáticas inevitábeis".

"Neste escenario de alteracións climáticas, son a pobreza e a indiferenza política as que tornan unha tempestade nunha catástrofe", comentou Jeremy Hobbs, director executivo de Oxfam Internacional.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: