Esperanza Aguirre afirmou que estre triunfo nas eleccións galegas reforza o Partido Popular.
Esperanza Aguirre asistiu ao acto do Obradoiro en primeira fila
Unha boa parte da cúpula do Partido Popular asistiu en primeira fila aos actos da toma de posesión de Alberto Núñez Feijoo como presidente da Xunta de Galiza. Entre todos eles, os focos e as cámaras dos medios de comunicación estatal buscaban con afán a Esperanza Aguirre e trataron de captar cada xesto entre ela, Mariano Rajoy ou Alberto Ruíz Gallardón. A presidenta da Comunidade de Madrid, que non escatimou en atencións aos xornalistas, tivo palabras para Núñez Feijoo: “non é doado gañar unhas eleccións a un goberno que só estivo no poder unha lexislatura”, dixo, ao tempo que destacou que estes resultados “espectaculares” reforzan “a Mariano Rajoy e a todos os membros do PP”.
Na mesma liña se manifestou o seu compañeiro de partido, Alberto Ruíz Gallardón. O alcalde da cidade de Madrid cualificou este día de “moi importante, non só para os galegos, senón tamén para toda España”. Asemade, Gallardón destacou o traballo político do novo presidente da Xunta, a quen definiu como un home que “dende a moderación e a convicción representa como moi poucos o que debe ser o futuro do Partido Popular”.
Finalmente, a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, considerou que o programa de goberno anunciado por Núñez Feijoo dá “moitísima esperanza” a Galiza e prognosticou que a partir desta vitoria, o PP “gañará moitas máis eleccións”.