Asumindo que sería asasinado, Lasantha Wickrematunge deixou escrito un editorial que se publicou o 11 de xaneiro, tres días logo de finar.
Lasantha Wickrematunge
O xurado do Premio Mundial á Liberdade de Prensa, que concede a Unesco, decidiu concederlle o galardón deste ano -a título póstumo- ao xornalista de Sri Lanka Lasantha Wickrematunge, asasinado o pasado 8 de xaneiro.
"Os membros estiveron de acordo de xeito case unánime en elixir un home que era claramente consciente dos perigos que o axexaban mais que, con todo, elixiu expresarse, até dende a tumba", declarou o presidente do xurado, Joe Thloloe, Ombudsman do Consello da Prensa de Suráfrica.
Estas afirmacións fan referencia a un editorial de Wickrematunge que, consciente de que podería ser asasinado, deixou escrito para ser publicado unha vez morto, tal e como finalmente aconteceu. A súa columna viu a luz, tres días despois de finar a consecuencia dun atentado contra a súa persoa.
"A voz da conciencia"
No escrito póstumo, o galardoado recalcaba o seu compromiso coa liberdade de expresión e a súa disposición a morrer por iso: "Hai unha voz que está por riba dos cargos importantes, da fama, do diñeiro e da seguridade: é a voz da conciencia".
Nacido en 1958, Wickrematunge estudou Dereito e máis tarde comezou a facer xornalismo de investigación. En 1994, el e mais o seu irmán fundaron o xornal The Sunday Leader, onde publicaron informacións críticas coa guerra do Goberno de Sri Lanka contra os Tigres Tamil.