A anterior administración, conservadora, votara en contra da súa aprobación, en 2007, polo "uso do termo autodeterminación".
O primeiro ministro Kevin Rudd (segundo pola dereita) con varios aborixes australianos no parlamento, en 2008
O Goberno australiano, laborista, anunciou este venres a súa adhesión á Declaración sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas da ONU, unha decisión que marca un xiro radical respecto da postura da anterior administración, conservadora, que votou en contra da súa aprobación, en 2007.
"Hoxe, Australia muda a súa posición. Facémolo con ánimo de repensar as relacións entre os australianos indíxenas e os non indíxenas e para construírmos unha relación de confianza entre ambos", manifestou a ministra para os Asuntos Indíxenas, Jenny Macklin.
Arredor de 500 mil habitantes do total dunha poboación de 21 millóns de australianos son indíxenas aborixes, segundo cifras oficiais. Destes, o 65% sofre algún tipo de enfermidade.
A decisión cumpre cunha das promesas electorais do Goberno de Kevin Rudd, que substituíu ao do conservador John Howard logo das eleccións de novembro de 2008. A Asemblea Xeral da ONU, logo de dúas décadas de negociacións, aprobou en setembro de 2007 a Declaración, cos votos en contra de EUA, Canadá, Australia e Nova Zelandia.
Dereito de autodeterminación
Camberra argumentara daquelas a súa oposición ao texto debido "ao uso do termo autodeterminación, que máis ben está relacionado con situacións de descolonización". "Non podemos apoiar un texto que pon en perigo a integridade territorial dun país democrático", expuxo entón o embaixador australiano ante a ONU, Robert Hill, na súa intervención.
A Declaración, de 46 artigos, estabelece os estándares mínimos de respecto aos dereitos dos pobos indíxenas do mundo, que inclúen a propiedade das súas terras, acceso aos recursos naturais dos seus territorios, a preservación dos seus coñecementos tradicionais e a autodeterminación.