Despois de 15 anos de ausencia, volveu aos escenarios en 2008. Vén de publicar 'Live in London' un álbum que recolle un dos concertos da actual xira.
Cohen chegará a Vigo con máis de corenta anos de música ás costas, despois de que en 1967 publicase Songs of Leonard Cohen, con once discos de estudio e outros tantos poemarios, cun retiro budista, con moitas mulleres e un só matrimonio e, iso si, con bastantes menos cordas vocais. Será en Castrelos o 13 de agosto, nun dos concertos que ofrecerá na península e que tamén o levarán a Lisboa, Xixón, Girona, Madrid, Granada, Bilbao e Barcelona.
O 11 de maio de 2008 o cantautor de Montreal regresou aos escenarios despois de quince anos de ausencia, debido sobre todo aos problemas financieiros causados pola fuga do seu representante cos seus aforros. Iniciou unha exitosa xira mundial, con aclamados recitais de até tres horas, paradas moi sinaladas no festival de Glastonbury e en Londres, ondre gravou o 'Live in London', un disco en directo que saíu á venda esta semana.