Esta mensaxe foi enviada a tarde eleitoral do 1 de marzo, cando os resultados confirmaban xa a recuperación da maioría absoluta polo Partido Popular.
A persoa receptora deste preocupante SMS foi unha das activistas de ADEGA denunciadas penalmente por ACUINOR por terlle parado en 2005 as obras dunha piscifatoría en Rinlo (Ribadeo) que a empresa construía dentro da Rede Natura 2000. Os compañeiros e compañeiras daquela denunciados por ACUINOR, foron posteriormente absoltos pola Audiencia Provincial de Lugo.
Para ADEGA, o envío da mensaxe "Se os acabó el chollo", xusto no momento en que as eleccións estaban resoltas e con litixios xudiciais aínda abertos entre ADEGA e ACUINOR, ten unha clara intención intimidatoria. Recordemos que ADEGA conqueriu a paralización cautelar xudicial en 2006 das obras da piscifatoría que ACUINOR realizaba en Rinlo (Ribadeo) dentro do LIC As Catedrais, por atentar contra hábitats prioritarios. Dende entón, comezou unha batalla en distintas instancias xudiciais que até o momento saldouse sempre a favor de ADEGA: coa paralización cautelar das obras polo Tribunal Superior de Xustiza, a absolución pola Audiencia Provincial de Lugo de 12 membros de ADEGA dos cargos de coacción, e a desestimación da demanda de indemnización de 30.000 € interposta por ACUINOR contra ADEGA no xulgado de 1ª Instancia nº4 de Compostela.
E aínda están pendentes de resolución os recursos xudiciais interpostos por ADEGA contra o acordo do Consello da Xunta (na súa última reunión, co goberno de Fraga en funcións) que aprobaba o Proxecto Sectorial da piscifatoría de Rinlo (e o de Touriñán), contra a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (PP) que aprobaba a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de ACUINOR, e contra o outorgamento de licenza de obras e de actividade polo concello de Ribadeo.
Así as cousas, en opinión de ADEGA co envío da mensaxe "Se os acabó el chollo", o Sr. Álvarez Cascos puido pretender xerar un sentimento de medo na persoa destinataria e en ADEGA, e limitar as súas actuacións en defensa do Medio Ambiente, en concreto do LIC As catedrais, incluído na Rede Natura galega e dos hábitats e especies protexidos que alí existen.
Pero tamén pode dar a entender que logo da vitoria eleitoral e da volta ao goberno da Xunta do PP, comeza unha "nova era" na que ACUINOR presuntamente gozaría de vantaxes administrativas e xudiciais na súa batalla contra ADEGA, e que a nosa organización vaia ser denostada polo Executivo "popular".