O estudo demostra cambios a nivel celular neste molusco e modificacións nalgúns dos seus tecidos, como a atrofia de certas partes da súa glándula dixestiva.
Malia que non representan un risco para a saúde, os mexillóns viron afectada a súa estrutura celular
Case sete anos despois do afundimento do Prestige fronte as nosas costas seguimos coñecendo algunhas das súas consecuencias. A última desvélaa unha tese elaborada na Universidade do País Vasco (UPV EHU), segundo a cal o verquido provocado polo naufraxio provocou cambios nas estruturas celulares dos mexillóns da costa cantábrica e fixo que o seu estado de saúde se vira "seriamente afectado".
O estudo recibe o nome de "Monotorización dos efectos biolóxicos do verquido de petróleo do Prestige baseada en biomarcadores: control do mexillón dende Galiza a costa vasca" e foi elaborado pola bióloga Larraitz Garmendia Altuna, baixo a dirección de Ionan Marigómez Allende. No seu traballo empregou o mexillón Mytilus galloprovincialis, tomando mostras en 22 lugares situados entre a costa galega e o Golfo de Biscaia, entre 2003 e 2006.
Afeccións na saúde dos mexillóns
Garmendia estudou os tipos celulares da glándula dixestiva e observou cambios "graves" nos tecidos das mostras dos lugares estudados, así como a atrofia de certas partes da súa glándula dixestiva. Asemade, demostrou cambios a nivel celular nos mexillóns, de xeito que comprobou que os lisosomas (orgánulos encargados da dixestión celular) sufriron cambios drástico de tamaño, mentres que a membrana celular se desestabilizou.
Finalmente, a investigación demostra que o estado de saúde do molusco se viu "seriamente afectado" polos verquidos do Prestige e que os primeiros sinais de recuperación non comezaron até 2004 nas mostras de Galiza e até 2005 nas do Golfo de Biscaia. Ademais, a tese tamén indica que os ecosistemas que resultaron danados aínda non acadaran condicións saudábeis en 2006.