Os socialistas critican que o PP queira tapar coas burocracias xudiciais "os milleiros de toneladas de chapapote que durante meses anegaron a costa galega".
"Os procesos xudiciais son para dirimir responsabilidades civís e penais, non para convertérense en desculpa dos que pretenden lavar as súas conciencias e eludiren responsabilidades políticas". Así o analizaba este sábado Hugo Morán, o secretario de Medio Ambiente e Medio Rural do PSOE, recordándolle aos dirixentes do PP que "deixaron atrás de si a evidencia dun negro rastro que permanece nas retinas de millóns de cidadáns".
Para Morán é inadmisíbel que desde o PP haxa agora quen queira "tapar" a través da burocracia xudicial "as toneladas de chapapote que anegaron e contaminaron a costa". Nese sentido, esixiulle aos populares que "acate e respecte" as decisións xudiciais "sen manipulacións nin terxiversacións como as que tenta levar a cabo en relación coa catástrofe do Prestige".
"Pretenden convencer outra vez de que do buque afundido saían fiíños de plastilina tal e como Mariano Rajoy declarou entón", ironizou o socialista. Ao respecto, chamou a lembrar e agradecer o traballo dos milleiros de voluntarios que "convertidos nun auténtico exército medioambiental" foron á costa mobilizados "fronte ao engano e a ineficiencia do PP".