Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROXECTARÁ 'PARIS #1' E PARTICIPARÁ NUN COLOQUIO

Óliver Laxe, de Tánxer a Compostela

O filme recolleu numerosos premios no último ano en festivais de todo o mundo.

Redacción - 18:57 17/03/2009

O Cineclube de Compostela volve este mércores 18 de marzo a dedicar unha xornada a un realizador galego actual. Neste caso, é Óliver Laxe quen vén desde Tánxer, onde traballa habitualmente na Filmoteca organizando un obradoiro de cinema para nenos, a presentar a súa curtametraxe París #1. O director vai participar tamén dun debate coas persoas asistentes ao remate do filme. A proxección, como é habitual, vai dar comezo ás 22:00 horas da noite, no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21).

Concebido inicialmente como un filme sobre o lume, chamado As copas das árbores tremen sobre os restos dun incendio, o verán do 2007, que afortunadamente veu sen lumes, provocou tamén que o proxecto de Óliver Laxe mudara para a experiencia cinematográfica duns amigos que filman cousas que lles gustan. Con Laxe, Usue Arrieta e Vicente Vazquez, unha parella de artistas chamada QQ, que exercen as labores de son e axudante de cámara. Mais a mirada non muda sobre a que recollía o proxecto. A viaxe lévanos até Navia de Suarna, no Courel onde viven Manuel e Carmen de Quiroga, e onde o ollar trata de evocar as relacións entre ser humán e natureza, aprehender o espíritu desta, representar gracias a ela conceptos de alma, e trasmitir de paso o sentimento que hai detrás da cámara, un sentimento de celebración da vida e de aceptación da morte.

Óliver Laxe
Nado en París en 1982, fillo de emigrantes coruñeses, Óliver Laxe estudou Comunicación Audiovisual, licenciándose na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona no 2006 e é membro da plataforma de cine experimental no.w.here, con sede en Londres. Para alén de obras primeiras que, segundo as súas propias palabras, non se atreve a mostrar, roda As chimeneas decidiron escapar, unha curtametraxe en 16 mm que foi seleccionada no festival internacional de Xixón, que recibe o primeiro premio no Festival internacional de cine experimental de Granada, e Sona a trompeta, agora vexo outra cara, unha peza incluida ó caron da película de Chris Marker Une journée dans la vie d'Andrei Arsenevitch, na edición española de Intermedio.

Influenciado por Bresson ou, sobre todo, por Tarkovsky, Laxe fuxe de termos como cinema ensaio ("Ensaio para nada, eu non quero dicir nada a ninguén. Procuro agochar ademais as posibles e poucas ideas que hai no meu proceso creativo") ou cinema experimental ("Se facemos unha síntese, todo proceso creativo verdadeiro é inevitablemente experimental. Sei que é unha convención mais moléstame moito. Sona a formalismo, a onanismo plástico... E non é así no meu caso, a forma á que chego está absolutamente xustificada por un contido"). En Paris # 1 aparecen moi diferentes miradas: cinéma verité, documental observacional, ficción, cine etnolóxico, slapstick, fotografía... vertebradas profundamente por un sentimento trás da cámara, organizadas a partir das súas propias interseccións.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: