Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CHELO SUÁREZ, ESCRITORA

"Os editores foxen da literatura erótica, pero segue estando moi presente na sociedade"

Finalista do Xerais en 2006 con 'A venus de cristal', gañou o pasado ano o Premio Narrativas Quentes con 'Os milagres de Cristamar'.

M.S.P. - 09:00 23/03/2009

Son alma. Corpo. Palabra de decir: Romperei o espello da luxuria en mil anacos e farei de cada un unha lúa habitada. Escríbeo Chelo Suárez, coruñesa, mariñeira e salgada. Escribiu toda a vida pero non publicou nada até o seu Flor de Xiz (2003), un libro no que as mulleres eran o centro; dende entón editou outras dúas novelas, un libro de poesía erótica (Corpo de Mar, Espiral Maior, 2008) e co conxunto de relatos Colleita de Sombras, que se publicará este ano, gañou o accésit da última edición do Modesto Figueirido. Chelo Suárez é tamen Amara Orzania (o mar, sempre o mar) e Puliana Marful, outro pseudónimo no que xunta os apelidos do seu bixavó italiano e do seu avó de Mondoñedo. Na actualidade prepara dáus novelas e un outro libro de poesía, Eros nun espello roto.

Os Milagres de Cristamar (Positivas, 2008) fíxose coa última edición do certame de novela erótica Narrativas Quentes cunha historia de putas e monxas nunha cidade con algo de Venecia e todo da Coruña que foi cualificada de "irreverente" sobre todo polo xeito en que introducía o desexo no convento: O pecado, inquirir nel, deixar que tomase posesión da carne intacta nunha claudicación total, até xemer de dor e ledicia, a pel perlada de suor, as pernas abertas na postura da entrega... O éxtase... si, entregarse a el, aínda que viñera a elas por ocultos e tortos camiños... Morrer, morrer nos brazos dun amante imaxinado, sumidas nun estado de febril desvarío. Logo tocaba arrepentirse, rezar, botar man do flaxelo e auto castigarse ate a mortificación, caendo así nun segundo pecado. O masoquismo.

Nas túas novelas, dende Flor de Xiz, até Venus de Cristal e por suposto en Os milagres de Cristamar a muller é a protagonista. É tan protagonista que case chama a atención, en comparación coa maior parte da literatura...

Si, é certo. As mulleres aparecen en moitos libros, pero na maioría dun xeito secundario, uns pasos por detrás do home. É o resultado de séculos de relegación, promovida por exemplo pola Igrexa, que facía caer sobre a muller o sentimento de culpabilidade.

En Os milagres... cóntase a historia de dous grupos de mulleres: prostitutas e monxas, a priori opostas, pero no fondo non tan distintas, non si?

Si, non son tan opostas como parecen. Na propia novela digo algo así, como as monxas a través do sacrificio e a mortificación procuran o pracer; nun momento do libro as prostitutas e ás monxas acadan xuntas o clímax, unhas a través dunha entrega carnal e as outras a través dunha entrega abstracta. As prostitutas dan todo o que teñen dentro, e en cambio ás monxas véxoas reprimidas, creo que estragan as súas vidas, retíranse do mundo.

Esa proximidade parte dun feito real, que coñeciches na Coruña...
Si, xa dende pequena chamábame a atención que o convento das Capuchinas estivese parede `con parede co barrio das prostitutas, o Papagaio. E eu cavilaba en que tiña que haber algún contacto entre elas.

Nos teus libros tamén é unha constante a procura da beleza e o mar, non si?
Si, a beleza sempre está presente, e o mar. Eu son de familia de mariñeiros: meu pai, meu avó..., e meu avó en concreto era un contista, inventaba historias e contábamas. E sempre vivín de fronte ao mar. Cando había temporal, as ondas lambían as cristaleiras da miña casa. E dende esas galerías miña nai e eu viamos chegar o barco de meu avó e meu pai.

Os milagres... foi rexeitada por varias editoriais antes de gañar o premio. Cal foi o problema? Demasiado irreverente?
Si, debeulles parecer irreverente. Despois supoño que tamén houbo o problema que eu non era coñecida, e ás editoriais cústalles arriscar cun autor que non sexa coñecido, que non apareza nos medios.

A novela faise curta, coas súas 110 páxinas. Non pensaches en continuala?
Si, si que é curta. E de feito agora estou escribindo dúas novelas máis longas. Así e todo tampouco son moi extensas. Creo que se pode dicir moito con pouco. Iso vénme de que tamén escribo poesía, e a poesía é extractar, é resumir sentimentos. De todos os xeitos penso que na novela, malia a ser curta, ten moito contido; e non é doado facelo, hai novelas moi longas con moi pouco contido.

Cal é o problema da literatura erótica? Por que descendeu a produción e a súa calidade?
Non o sei, parece que moita xente que sabe escribir, cando quere facer textos eróticos pásase, ou queda curta. A min encántame, e non lle vexo dificultade. O erotismo é moi lírico, ten moito en común coa poesía. Para min un dos autores con obras máis eróticas foi Shakespeare. De nena lin A violación de Lucrecia e Venus e Adonis, e parécenme o cumio da sensualidade. Pero os editores foxen da literatura erótica, non sei por que. Pero o erotismo segue estando moi presente na sociedade, e creo que antes aínda o estaba máis, sobre todo nas aldeas. Eu lembro de pequena, como ía cunha amiga ver como o castrón cubría unha cabra, e para nós iso era algo natural.

Segues Ferve a Rede? Que che parece a iniciativa?
Si, o ano pasado ía lendo todos os relatos todos os días, e había algúns moi bos, e algúns moi malos, claro. Pero a iniciativa é fantástica: felicítovos.

Un escritor é en parte o que le. Que les ti?
Lin dende moi pequena: Dumas, Valle-Inclán, Dickens, os rusos..., tamén ao xenial Álvaro 'Merlín' Cunqueiro, e dos contemporáneos a Manuel Rivas, sobre todo os seus relatos, e mais a Caneiro ou a Suso de Toro. Creo que a literatura galega actual está chegando a niveis de calidade moi altos, á altura dos mellores escritores rusos.

Fuches autodidacta?
Si, completamente. Tiven a sorte de que na nosa casa había unha biblioteca moi grande, porque tanto o meu avó, como meu pai, como as miñas tías lían moito. E eu lembro pasar lendo os días de chuvia. Un día, sendo nena, atopei un baúl no faiado, e estaba cheo de libros de Lorca, de Valle. Supoño que o meu avó agachara alí eses libros na Guerra Civil, por medo, porque de feito viñeran buscar a meu pai á casa, e tivera que escapar. Despois fun á escola, pero non puiden seguir os estudos, o bacharelato, por ser muller. Iso foi unha frustración para min. Pero sempre lin, e sempre inventei historias e fixen contos. Queres que che conte un?

Si, claro.
Pois isto é a Bela Durminte, que cando espertou da súa longuísima sesta, a osteoporose fíxollas pasar putas. Gústame moito facer bromas.


4,3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: