O primeiro ministro chinés supeditou a recuperación da relación á "sinceridade" do Dalai Lama, de quen dixo que "non é un líder relixioso normal".
Wen Jiabao deu este venres a única rolda de prensa que concede en China ao ano, e o conflito co Tibet foi un dos temas centrais, agora que se acaban de cumprir os 50 anos de exilio do Dalai Lama.
Despois de manter o ano pasado unha rolda de contactos co Dalai Lama, máximo dirixente do goberno tibetano no exilio, o primeiro ministro chinés dixo que está disposto a recuperar estes sempre que "o Dalai Lama sexa honesto para asegurar que as conversacións poden dar froitos".
Jiabao criticou a visión do conflito que, segundo el, o líder tibetano espallou polo mundo adiante e dixo que "viaxou moito, e é capaz de confundir aos dirixentes políticos de todo o mundo".
Neste senso foi preguntado polos xornalistas sobre o estado das relacións con Francia despois de que, o ano pasado, o líder tibetano fora nomeado "cidadán honorífico" polo goberno de Sarkozy. Wen Jiabao dixo que a mellora das relacións só dependen de que o executivo francés manteña unha "actitude clara" neste tema e despois engadiu, como un aviso xeral, que Tibet é parte inalienábel de China e o que ocorre dentro do seu territorio non lle compete a ningún outro país.