Entrevistamos a Manuel Lourenzo e a Quico Cadaval, autor e director da nova produción do Centro Dramático Galego.
"Eu agora, vendo tantas pernas no escenario, penso que todo o mundo vai considerar que é todo cousa de Quico, porque eu teño fama de serio, de clásico, pero esas pernas xa estaban no meu texto". Fala así de As Dunas Manuel Lourenzo, seguramente o autor máis importante do teatro galego nos últimos trinta anos, con permiso do finado Vidal Bolaño. Hai uns meses o Consello Asesor do Centro Dramático Galego, do que el forma parte, un día que Lourenzo non foi á xuntanza "confabulouse para encargarme a min a obra". "Despois preguntáronme quen quería que dirixise a obra e eu dixen que Quico Cadaval, porque pensaba que era a persoa que mellor podía levar adiante o que eu quería facer". Lourenzo tiña na cabeza unha obra sobre a destrución do territorio, pero quería algo con moito ritmo, moi alegre, algo como Noite de Reis.
A este respecto Cadaval comenta que o feito de tratarse dun texto escrito para o CDG influíu a Manuel Lourenzo na súa maneira de escribir: "na súa opinión é un texto comercial, popular, para un público amplo, e el considérase un escritor elitista, que escribe textos difíciles, e neste caso fixo un esforzo por ser moi comprensible, por ser unha obra para o CDG". A obra, di Quico Cadaval, non se ambienta nun spa por casualidade: "Manuel e máis eu coincidimos nunha ironía que se dá na actualidade, que é que os spas están relacionados co pracer, coa escapada de adúlteros, con deportistas... Antigamente os balnearios eran lugares onde a xente ía morrer, onde estaba xente recuperándose da tose, onde se ambientan filmes como Ollos Negros, A Montaña Máxica ou A Morte en Venecia, esa decadencia, esa plasticidade. E Manolo reúne esas dúas cousas: a melancolía relacionada tradicionalmente co spa, e a actual venda de carne simbólica".
A selección da música e dos demais elementos escénicos para As Dunas estivo moi coidada. "Ao montar os números musicais pensamos na xente fina que vai aos spas", di Cadaval. "Hai xente que ten moito diñeiro e que pensa que iso lle dá categoría estética. Despois ten os seus gustos vulgares e pensa que poñendo uns fíos de luz e uns fondos violetas as súas vulgaridades quedan ocultas. E nós quixemos homenaxear a toda esa xente, que é a maioría da poboación e sobre todo a clase dominante. Buscamos inspiración no cinema dos anos setenta, no cinema italiano de Dario Argento, de Tinto Brass, uns filmes que eran plasticamente moi acabados, moi bonitos, con cores duras, fortes, moi contrastado, e nas que había sempre unha desculpa cultural para mostrar carne humana".
Manuel Lourenzo: "Na obra non hai pecados; o gran pecado e a destrución da natureza"
Como foi o proceso de creación con Quico?
Non houbo moito traballo conxunto. Empecei a traballar, e parín unha obra excesivamente longa. Así que rompín con todo, e saíu un texto moito máis sinxelo, libre de ramallos e sen acoutación ou indicación ningunha. Cheguei ao resultado que quería a base de facer limpeza. E deille a Quico total liberdade para cortar o eliminar o que quixese. A partir de aí si que estivemos moi en contacto, e el pedíame que fixese algunhas modificacións, ou que crease algunha canción para un personaxe. Un dos cambios máis importantes foi a substitución da música de free jazz que eu ideara, por unha música máis hortera, a pachanga que se baila nas discotecas africanas. A obra ten moita influencia africana, sobre todo pola presenza dos caboverdianos en Burela. De feito eu coñecín en Burela un Calí Caiate, como o que aparece na obra.
Falouse na presentación da obra de personaxes que procuran o paraíso a través do pecado. Hai moito pecado en 'As Dunas'?
Non existe o sentido do pecado. O que aparece na obra son as paixóns humanas de sempre, trapallada de todos os días. Normalmente as miñas obras sáenme moi oníricas, e Quico conseguiu que tivese un ton áxil e alegre. Eu agora, vendo tantas pernas no escenario, penso que todo o mundo vai considerar que é todo cousa de Quico, porque eu teño fama de serio, de clásico, pero esas pernas xa estaban no meu texto. Pecado, non, iso non son pecados; o gran pecado e a destrución da natureza, hai que parar esa agresión. Entre outras cousas porque ao final se demostra que a terra pode máis cando os homes lle fan mal, sempre se rebela.
Di Quico que as túas obras se caracterizan pola presenza constante dunha 'nostalxia edénica'. Estás de acordo?
Non son nada observador da miña obra. Creo que a nostalxia vai co animal. Todos os que temos infancia, mesmo aqueles para os que a infancia non foi precisamente un paraíso, teñen esa sensación do tempo e do paso do tempo.
Fálase moito da relación entre o teatro galego e o público, dunha loita continua que debe estabelecer para conquistar ese público. Como o ves ti?
Está nun proceso de mellora e de popularización, pero ese proceso pode paralizarse tamén. Non sei se entendemos o que é o teatro galego, e estes días nin sequera sei se entendemos a sociedade galega. Quizais pasa que temos moito teatro para poucos espectadores. E temos sobre todo poucas salas, e temos programación histéricas, creadas pola banca, que é a propietaria dos teatros. O teatro galego é unha realidade pantasmal, é como a Santa Compaña. As obras non se publicitan, non saen na prensa, estréanse nun lugar e xa non se repiten, non se poden asentar, non pode funcionar o boca a boca. Queren que o teatro sexa un escaparate, un negocio, en lugar de ser unha arte.
Como cres que vai afectar o cambio de goberno ao teatro galego?
Estes días estou, primeiro, cheo de estupor, segundo non sei, e terceiro que queres que che diga. Non podes saber se vai afectar moito ou pouco. O teatro galego non se move co resto das cousas, vive absorto en si mesmo e non reflite a realidade do país. Con isto non estou facendo unha crítica dos profesionais do teatro galego, senón sobre todo da estrutura na que se asenta. Non hai campo producir e distribuír unha obra de calidade. Esquécense preguntas como o 'quen' ou o 'para quen' se fai o teatro, e parece que o único que importa é 'cantos goles metes'. Deixouse polo camiño a función pública artística do teatro.