Un informe elaborado por unha profesora da Universidade de Vigo e publicado nunha prestixiosa revista demostra que o fuel continúa enterrado a varios metros de profundidade.
Até o de agora non existía ningún estudo sobre a contaminación en praias de area, senón que as investigacións se dirixiron cara cuestións máis químicas, como a degradación do fuel ou a súa toxicidade. Aí radica a importancia deste último informe que publica a prestixiosa revista sobre temas ambientais Environmental Science & Technology e que elaborou a profesora da Universidade de Vigo, Ana Bernabeu. As súas conclusións son contundentes: a visión de praias limpas e libres de hidrocarburos é só unha parte da realidade: a varios metros de profundidade o fuel segue a contaminar.
Este pioneiro traballo revela que non é certo que o fuel soterrado deixe de ter consecuencias negativas sobre o ambiente. No marco desta investigación, na que tamén participou o Departamento de Química Ambiental de Barcelona, confirmouse que hai procesos de degradación, que o fuel evoluciona e que aínda non coñecemos as consecuencias que pode ter todo este proceso, se ben a autora afirma que "polo visto até o de agora, semella que a contaminación non é grave".
Un protocolo de actuación para o futuro
Unha vez demostrada a presenza de hidrocarburos en profundidade, o obxectivo agora é estabelecer un protocolo de avaliación da marea negra que permita detectar o fuel soterrado e proceder a unha limpeza natural da praia. Neste novo proxecto traballa xa o Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental, como explica Bernabeu: "xa sabemos que esa contaminación está aí, que o fuel se degrada unha vez soterrado e agora queremos afondar no estudo para presentar un protocolo de limpeza".
Do mesmo xeito asegura que "as praias con moita mobilidade de area pódense limpar soas, mais a clave está nas condicións de ondada e clima que hai no momento de contaminación". É dicir, unha treboada pode ocultar o fuel baixo a area, mais un novo temporal pode volver desenterrar os hidrocarburos. O propósito deste novo traballo é valorar que é o que se debe facer con ese chapapote soterrado, así como as repercusións ambientais de todos eses movementos de area. Esta é a meta que formula o novo proxecto, no que colaborarán ademais da Universidade de Vigo, outras institucións portuguesas e francesas.