O Igape será a garantía para operacións de financiamento de 27 compañías e amparará préstamos por un total de 84 millóns de euros.
A automoción, a construción naval, o téxtil ou a madeira. Estes serán algúns dos sectores beneficiados pola decisión tomada polo Consello da Xunta este xoves: o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) avalará préstamos de circulante e de reestruturación de débeda por un importe de 53 millóns de euros para operacións de financiamento de 27 empresas.
Sector dos automóbiles
Os avais sumarán neste campo 13,2 millóns de euros que se repartirán entre diferentes empresas: o Grupo Fehrer-Copo Ibérica recibirá 10,9 millóns en garantía do 60% dun préstamo bancario destinado a financiar necesidades operativas; outra compañía beneficiada é Treves Galicia SLU, que recibirá 1,65 millóns; e Investigación e Proxectos de Vehículos Especiais, outros 700 mil.
Construción naval e industria téxtil
O Igape concederá avais por 4,8 millóns que irán a parar a outras dúas empresas: Freire (2,7 millóns) e Estaleiros M. Cíes (2,1 millóns). No campo da moda, a beneficiada é a empresa da deseñadora Kina Fernández, Volvoreta S.A., quen recibirá un aval de 1,2 millóns.
Madeira, alimentación e granito
No eido da transformación da madeira e do moble, a Xunta concede avais polo importe de 10,7 millóns, dos que se beneficiarán Maderas Iglesias (5,2) ou Pumade (tres millóns). Mentres, no ámbito alimentario, autorizou a concesión de avais a empresas como Figroríficos Conchado (3,99 millóns), Promotora Industrial Sadense (2,45 millóns), Matadeiro Frigorífico de Montellos (1,82) ou F.C. Alimentación (1,12 millóns). Tamén se avalará a outras compaías como Lonxanet Directo, Alimentos Ruta Xacobea, Granxas San Luis, Lácteos Río Xallas ou Pensos Dumbría.
Xa na actividade do granito, o Igape avalará con 4,6 millóns de euros a tres empresas: Granitesa (2,3), Granitos Monte Faro (1,2) e Granipec España (1,1).