Segundo a Fiscalía, o caso ten gran "importancia e gravidade", polo que se resolverá con "celeridade". Esta cuarta feira comezaron as mobilizacións na rúa.
Imaxe tirada da web de Maribolheras Precárias
Jacobo Piñeiro Rial declarouse autor do duplo crime que terminou coa vida de Isaac Pérez Treviño e Julio Anderson Luciano, na vivenda que a parella compartía na rúa Oporto en Vigo. Porén, alegou "defensa propia", confesando que o que o moveu a matar aos dous homes foi un "medo insuperábel" a ser "violado" por eles.
Os feitos aconteceron en xullo de 2006, mais a pasada sexta feira terminaba o xuízo, no que un xurado popular absolvía dos dous delitos de asasinato a Pérez Rial, considerándoo culpábel do incendio que provocou na vivenda das vítimas, para borrar as pegadas do crime.
No mesmo día, o fiscal que leva o caso e a acusación particular xa manifestaron a súa intención de recorrer un veredicto que cualificaron de "escandaloso", e esta cuarta feira a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) afirmou que os recursos que se presenten en relación a este caso hanse resolver con rapidez, dada a "importancia e gravidade" do mesmo. A decisión que adopten os maxistrados do TSXG podería resolverse no prazo de dous meses a partir do día no que se faga pública a sentenza, que será nas vindeiras semanas.
En Compostela, con "rabia, impotencia e tristeza..."
Esta cuarta feira desenvolveuse a primeira de varias concentracións que hai convocadas en Galiza para denunciar a decisión do xurado popular neste caso. Un cento de persoas xuntáronse na Praza de Cervantes, en Santiago de Compostela, convocadas pola Federación Aturuxo, e cos lemas "Issac, Julio, dignidade" e "ningunha agresión sen resposta", denunciaron o crime homófobo, e a resolución dun xurado que se deixou levar "pola máis crúa homofobia, o odio ao diferente e o desprezo absoluto á vida humana" cando se trata de homosexuais. Para terminar, procedeuse á lectura dun comunicado confeccionado polo Colectivo Gai de Compostela (en .pdf), perante dous corpos cubertos cunhas sabas que xacían sobre a bandeira do arco da vella, a do orgullo LGBT.
Apoios tamén na rede
Ao tempo, un dos dous grupos que hai creados en Facebook, o capitaneado por un mozo vigués, xa xuntou, en só dous días, a perto sete mil persoas, que tamén están convocadas para a manifestación que se desenvolverá, o vindeiro 8 de marzo ao mediodía, na Porta do Sol, en Vigo.