En catro anos a rede avanzou moito, pero os partidos políticos seguen sen aproveitar por completo as posibilidades das novas redes sociais.
En catro anos cambiaron moito as cousas arredor da internet, e máis se observamos as diferenzas entre como se desenvolveu a campaña electoral online das eleccións de 2005 e como a de 2009. Nos comicios de hai catro anos, os principais partidos apenas se atrevían a poñer en marcha webs con escasa interactividade, por non falar da práctica ausencia de multimedia.
A meirande parte dos partidos que se presentaban ás eleccións de 2005 xa dispoñían de web, aínda que algunhas xa non existen, do mesmo xeito ca algunhas daquelas formacións. En todo caso, xa resultaban páxinas un tanto desfasadas para a época, e a chamada web 2.0 brillaba pola súa ausencia.
As eleccións de 2005 coincidiron cun momento de eclosión do blogomillo, aínda que os candidatos non fixeron demasiado uso dos blogs. Así, por exemplo, Anxo Quintana tiña un diario dentro da web Quin2005.com, que era precisamente iso, un diario de campaña máis ca un blog. Outro tanto podemos dicir de Touriño, que estreaba do dominio PresidenteTourino.com. Porén, non podemos revisitar a páxina de Manuel Fraga, feita en Flash e, polo tanto, non gardada por Archive.org. As tres bitácoras quedaron abandonadas despois das eleccións.
Volvendo ao blogomillo, o que si houbo naqueles comicios foi unha mobilización de blogueiros a título individual, apoiando cadaquén ao partido da súa escolla, aínda que se notou especialmente un rexeitamento a que se dilatase, catro anos máis, a era Fraga. Un dos exemplos de traballo audiovisual que tivo unha certa difusión na rede foi a obra colectiva Hai que botalos.
Catro anos despois, a internet galega evolucionou, aínda que segue sufrindo unha fenda con respecto á media de uso do noso contorno. Para comezar, os vídeos convertéronse en algo popular e mesmo imprescindíbel para achegar mensaxes como a propaganda política. YouTube, aínda descoñecido para moitas persoas en 2005, é algo omnipresente en 2009. Así, xa todos os partidos contan con cadansúa canle na web de vídeos de Google.
Feijoo, Touriño e Quintana
Agora, se nos centramos nos tres principais candidatos, vemos que tanto Núñez Feijoo como Quintana contan con cadanseu blog dende hai un tempo (de feito, o do candidato do BNG leva abandonado dende decembro). Touriño non mantén un contacto tan directo coa poboación internauta. Porén, os tres candidatos contan con videoblogs. Primeiro foi Quin.tv, despois chegou Feijoo.tv e, finalmente, Touriño.tv, todos rexistrados no arquipélago de Tuvalu.
Os videoblogs de Quintana e Touriño permiten mesmo enviar preguntas, que o candidato responde. Ademais, os tres partidos teñen espazo nas redes sociais máis importantes. Así, o candidato do PPdeG está en Facebook, Tuenti, YouTube e Flickr; o do PSdeG, en Facebook, YouTube e Flickr, e o do BNG, tamén en Facebook, YouTube e Flickr. Por certo, que só o PSdeG e o BNG teñen contas de pago na web de fotos de Yahoo.
Outra novidade con respecto á anterior campaña é que os vídeos e mesmo as personalidades dos candidatos son parodiados por usuarios, moitas veces anónimos, que con intención humorística -ou destrutiva- danlles a volta ás mensaxes dos candidatos ou fanse pasar por eles noutras redes sociais.