A ONG enviou aos líderes dos tres principais partidos políticos un documento no que lles solicita un maior compromiso na vindeira lexislatura.
Alberto Estévez é portavoz de Amnistía Internacional en Galiza
Amnistía Internacional reclama un programa de actuación que inclúa medidas para loitar contra o racismo, para protexer aos colectivos vulnerábeis ou para promover os dereitos humanos. Con este obxectivo enviaron unha carta aos tres partidos maioritarios (PPdeG, PSdeG e BNG) recordándolles que a Xunta ten competencias en numerosas áreas que teñen un grande impacto no respecto e na promoción dos dereitos humanos en Galiza. Así, solicitan a elaboración dun Plan de Dereitos Humanos que inclúa medidas para:
1) Loitar contra o racismo.
2) Protexer e dar acceso a recursos a colectivos especialmente vulnerábeis como as inmigrantes indocumentadas vítimas de violencia de xénero.
3) Promover a Educación en Dereitos Humanos no ensino e na formación do profesorado.
4) Impartir formación sobre dereitos humanos ás forzas de seguridade.
5) Elaborar un mapa de foxas comúns en Galiza e garantir que as exhumacións se fagan nun contexto xudicial.
6) Promover e defender os dereitos humanos na Acción Exterior da Xunta intercedendo a prol de vítimas concretas e casos urxentes de violacións de dereitos humanos, apoiando publicamente o traballo dos defensores e defensoras dos dereitos humanos e avogando activamente pola abolición da pena de morte.