Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A denuncia dun cidadán francés prosperou

Os gobernos da UE están obrigados a sinalar onde se atopan os campos de transxénicos

O Tribunal de Xustiza europeo ditaminou que os Estados membros deben informar aos seus cidadáns da situación exacta dos cultivos de organismos modificados xeneticamente.

Redacción - 12:00 18/02/2009

O 21 de abril de 2004 un cidadán francés quixo saber onde estaban a plantar millo transxénico no seu concello, en Sausheim (Alta Alsacia), mais as autoridades locais negáronse a darlle esa información. Pierre Azelvandre, que é como se chama este home, non se resignou e esta terza feira 17 de febreiro, case cinco anos despois daquel primeiro pedimento, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea deulle a razón. Segundo o seu último e máis soado ditame, os Estados membros teñen a obriga de informar aos cidadáns e cidadás da localización exacta dos ensaios de cultivos de transxénicos, debido aos impactos que estes poden ter no medio, noutros cultivos, nos animais ou na saúde das persoas. A sentenza sinala, ademais, que os gobernos non poden invocar unha excepción de orde pública para opoñerse á divulgación destes datos.

Azelvandre vive nun país que é, xusto nestes días, albo de todas as olladas por unha das maiores polémicas relacionada cos organismos modificados xeneticamente (OMX) que se deu no seo da UE. En febreiro do ano pasado, Francia suspendeu os cultivos de millo MON810, produto que explota a multinacional estadounidense Monsanto, alegando a non existencia de estudos científicos que medisen os riscos destas plantacións para as agriculturas tradicionais e para o medio. Fíxoo a través dunha cláusula de salvagarda, unha figura legal que non agrada á Comisión Europea, que tenta forzar ao goberno de Nicolas Sarkozy a levantar esta suspensión. En pouco tempo, Grecia fixo o mesmo.

Mais esta segunda feira a Comisión Europea non deu conseguido os votos necesarios para forzar a Francia, e tamén a Grecia, a reautorizar a entrada do millo de Monsanto. Durante a votación que se desenvolveu en Bruxelas, nove países dos 27 -con 123 votos en total- apoiaron o pedimento da Comisión; 16 países, -con 190 votos en total- pronunciáronse en contra ou abstivéronse. Dous países, Alemaña e Malta, non participaron na votación. Porén, e a pesar de fallaren as súas arelas, o ente europeo anunciou a súa decisión de pedir a intervención dos ministros de todos os países membros para desbloquear a situación, polo que Bruxelas vai presentar "sen máis demoras" unha proposta sobre a que os Estados se pronuncien, en tres meses, sobre a posíbel entrada de transxénicos de novo en Francia e Grecia.

Os cidadáns teñen dereito a saber onde están os transxénicos
O ditame do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sinala que "o público interesado pode pedir toda a información transmitida polo notificación no ámbito do procedemento de autorización relativo á liberación" dos OMX. En ningún caso esta información pode ser confidencial". Esta interpretación apóiase na esixencia estabelecida na normativa comunitaria segundo a cal "en ningún caso pode manterse secreta a información relativa á avaliación do risco para o medio".

"O temor a dificultades internas non pode xustificar que un Estado membro non aplique correctamente o dereito comunitario", conclúe a sentenza, referíndose á xustificación que daba a xustiza francesa para negarse a dar esta información, alegando que a comunicación "danaría a intimidade e a seguridade dos agricultores afectados".

A conclusión da xustiza europea lexitima un lema que, dende a súa creación, empregou, entre outras, a Plataforma Galega Antitransxénicos: "Os cidadáns teñen dereito a saber"

Escepticismo, apoio incondicional e loita de poderes na UE
Os cidadáns e cidadás da UE mantéñense escépticos en canto aos supostos beneficios que poidan ter os OMX, proclamados aos catro ventos pola industria da biotecnoloxía, e non poucas veces refírense a estes cultivos coma "alimentos Frankenstein" ou "perigo biolóxico", debido aos receos que se teñen de que poidan prexudicar aos humanos e á natureza, a través dunha propagación descontrolada de xenes modificados.

Mais o xogo de forzas, que dura xa varios anos na UE, podería revolverse contra os detractores dos transxénicos, sobre todo porque o país que ha asumir a presidencia rotativa da UE, a República Checa, é un dos máis favorábeis aos OMX. Na actualidade Austria e Hungría tamén lle teñen vetada a entrada a estes cultivos, porén, o vindeiro 2 de marzo os ministros de Medio Ambiente dos países membros votarán a favor ou en contra das medidas de salvagarda preparadas por estes dous partidos.

Actualmente, varios OMX agardan a súa homologación na Unión Europa, nomeadamente variedades do millo BT 11, da multinacional Sygenta; e do BT 1105, do grupo Pionner-Dow; así como a pataca Amflora, do grupo alemán Basf.


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Millo de Monsanto, modificado xeneticamente
Millo de Monsanto, modificado xeneticamente
Sede doTribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo
Sede doTribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo
Esta cuarta feira a Plataforma Galega Antitransxénicos presentou en Compostela a Declaración Estatal contra os OMX
Esta cuarta feira a Plataforma Galega Antitransxénicos presentou en Compostela a Declaración Estatal contra os OMX