A candidata Ana Pontón reuniuse con representantes do colexio profesional de enxeñaría informática e das empresas dedicadas á internet.
Ana Pontón, a noite de apertura da campaña electoral
Ana Pontón, candidata do BNG pola circunscrición da Coruña, amosou o apoio da súa formación á regulación da profesión da enxeñaría informática e á extensión das TIC e da sociedade da información. Pontón reuniuse con representantes do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia e da Asociación Galega de Empresas dedicadas a internet (Eganet).
A candidata explicou que "o BNG reclamará as competencias de vixilancia do cumprimento dos servizos de telecomunicacións, de xestión do espectro radioeléctrico", polo feito de que o Estado Español "non exerce estas competencias e é unha carencia que impide o desenvolvemento da sociedade da información en Galiza”.
Tamén amosou a vontade de executar o Plan Director de Infraestruturas de Banda Larga "para que no ano 2013 o conxunto do noso territorio teña acceso a internet en banda larga comercial e cunha boa calidade". A proposta do programa do BNG é concentrar "todas as competencias vinculadas coas TIC e desenvolvemento da sociedade da información" nun único departamento, pois na actualidade son tres as seccións que regulan esa área, o que lle resta eficacia ao seu desenvolvemento.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, trasladoulle a Ana Pontón o agradecemento por "iniciativas como o PEGSI, que permitiu un gran investimento e potenciamento da sociedade da información".