O líder do Bloque repróchalle a Feijoo non vaia ao debate por "cálculos electorais".
"É necesario ir porque é unha mostra do noso talante democrático", subliñaba este luns o voceiro nacional do BNG e candidato da formación á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, ao respecto da convocatoria de debate diante das cámaras da televisión pública. Nesa liña, censurou que o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, non vaia ao debate electoral da Galega por "cálculos electorais" relacionados co transcurso da campaña, e confirmou que el mesmo vai asistir "sen condicións".
"O señor Feijoo debería pensar antes na democracia que no seu rédito electoral", aseverou o nacionalista tras considerar "de unha baixeza democrática difícil de explicar" a decisión do líder dos populares e augurar que "a súa xogada" vaille saír "mal". "Isto non é unha cuestión de cálculo electoral, é unha cuestión de principios", insistiu Quintana.
O candidato nacionalista quíxolle lembrar a Feijoo que os debates son un dereito dos cidadáns, "non dos partidos", e sinalou que a disposición de asistir a estes eventos implica a defensa dun "país plural" no que "todas as opinións teñen cabida e todas son respectábeis". Quintana tamén lembrou que Núñez Feijoo conta con "algunha experiencia" en perder debates electorais, mais sinalando que nestas conversas quen gana é "a democracia".