Nun mitin na localidade luguesa de Vilalba, terra do seu predecesor no Goberno, Manuel Fraga, Touriño asegurou ante unhas 400 persoas que o voto "é o que iguala a todos os cidadáns".
Insistiu Emilio Pérez Touriño en reclamarlle aos cidadáns "de boa fe" o apoio o próximo 1M para lograr o que, subliñou, será "a fin do enchufismo e o clientelismo". "Comigo ninguén quedará abandonado á súa sorte e todos terán axudas para saír adiante", garantiu, insistindo en que un dos soños e "preocupacións de cada día" é a loita contra o desemprego e o fornecemento de garantías para que Galiza "non volva ser terra de emigración".
Na súa intervención política, organizada nun hotel á beira do propio recinto onde Manuel Fraga adoitaba ofrecer os seus mitins, alertou Pérez Touriño contra as políticas "neoliberais" que están na orixe da crise actual e das que acusou de pregoar "á dereita de Rajoy e Feijoo". Asegurou o líder dos socialistas que a súa resposta fronte a conxunturas como a actual nunca pasará por reducir o investimento público e o gasto social, intención que dixo ver nas propostas do PP. "Nós non reduciremos as pensións nin conxelaremos o salario mínimo", garantiu.
Ao fío, criticou con belixerancia a postura dun PP que, ao seu xuízo, "está a caer nunha senda de equivocacións", posto que "non é momento de reproches, senón de arrimar o ombro". "Todos estamos no mesmo barco", argumentou Touriño. "O que non se pode é usar Galiza como moeda de cambio para tratar de reconquistar A Moncloa e confrontar co goberno español", censuroulle ao PpdeG, acusando a esta formación de querer usar o país para "arranxar os problemas de liderado de Rajoy". "As eleccións de Galiza son en clave galega, para elixir o mellor Parlamento, o mellor Goberno e o mellor presidente", salientou.